Pedimos declarar Ourense 'Zona Libre de Transxénicos'
En Ourense estase a desenvolver o proxecto europeo Come Ourense posto en marcha polo BNG ao seu paso polo goberno que ten entre os seus obxectivos fomentar a produción, distribución e promoción dunha alimentación local sustentábel, saudábel e ecolóxica. Na liña de reforzar estes principios o BNG pedirá no pleno ordinario de outubro a declaración do Concello de Ourense de 'Zona Libre de Transxénicos'.
Tanto os movementos ambientalistas como as productoroas locais teñen denunciado que os coñecementos científicos actuais non permiten establecer con exactitude as consecuencias das culturas de OXM (organismos xenéticamente modificados); existe unha grande incerteza sobre as súas consecuencias para a saúde humana, sobre as posibilidades de contaminación de variedades non OXM ou sobre a redución da biodiversidade entre outros aspectos. As especificidades dos sistemas de produción agrarios na Galiza deben impulsar a necesidade de que se defenda o principio da precaución, pois nunha situación de coexistencia de ambos tipos de cultivo, as normas e leis deben favorecer aos cultivos convencionais, tradicionais e ecolóxicos en detrimento dos OXM, pola maior importancia económica e social dos cultivos tradicionais e ecolóxicos e pola defensa do consumidor.
A concelleira do BNG, Ximena González lembra que 'a manipulación xenética está indo da man dunha crecente mercantilización dos recursos xenéticos que pon en perigo a autonomía de decidir sobre os nosos sistemas produtivos e a seguranza alimentar, reforzando o oligopolio dos mercados de sementes, agroquímicos e alimentos, e tornando a nosa alimentación cada vez máis dependente dun feixe de grandes empresas transnacionais'.
Para o BNG o exemplo desta mercantilización son os Tratados de Libre Comercio como o TTIP que negocia a unión europea a través dos cais se abre a porta á chegada de OXM e a perda dos cultivos convencionais e ecolóxicos en favor dos monocultivos extensivos como xa esta a suceder noutras partes do planeta. Explica Ximena González que 'unha das fórmulas para tentar paliar o impacto disto é tomarmos conciencia e traballar para protexer os nosos cultivos, a nosa proposta é dar ese primeiro paso declarando Ourense 'Zona Libre de Transxénicos'.
Ourense, 26 de setembro de 2014