Pedimos que as empresas con incumprimentos non podan accedan a concesións públicas
No pasado pleno extraordinario o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se pedía unha solución para as traballadoras de Linorsa, nesa moción pedíase tamén a introdución de cláusulas específicas que garantan o pago do salario ás traballadoras por parte das empresas con concesións públicas. Estes días coñecemos que o goberno de Ourense outorga a maior puntuación para a contratación do Servizo de Axuda no Fogar a unha empresa que incumpre parte do contrato do servizo de limpeza co Concello de Ourense, Seralia.
Dende o BNG deféndese unha xestión pública e por tanto direta dos servizos, máis no caso de aqueles nos que a maior carga económica é a referida aos salarios das traballadoras. A incapacidade do goberno de Ourense para elaborar pregos que garantan os salarios ás traballadoras ou que impidan que empresas que xa estan incumprindo os seus compromisos se fagan con novos servizos provoca a indefensión da cidadanía e o deterioro permanente dos servizos que recibe.
A concelleira Ximena González expresou a preocupación ante esta situación que se abre co acceso de Seralia ao Servizo de Axuda no Fogar 'ninguén comprende que unha empresa que ao chegar ao servizo de limpeza intentara botar a parte das traballadoras e teña un comportamento máis que dubidoso na prestación do servizo poda acceder agora con total normalidade a outra concesión pública co Concello'
Para as nacionalistas o importante é que 'a solución é a remunicipalización do servizo mas se non son quen de comprender que a mellor xestión dos servizos públicos é a que se fai de forma directa sen intermediación de empresas privadas que polo menos se articulen cláusulas nos contratos capaces de impedir que unha empresa coñecida pola súa mala xestión consiga máis contratos públicos ' reclamou Ximena González en relación ao que o BNG solicita do goberno de Ourense.