Pontón: “Luís Seara é o alcalde que Ourense necesita para abrir un tempo novo e darlle futuro a esta cidade”
Seara aspira a liderar a Alcaldía “para construír un Ourense en grande”
“Queremos unha cidade que funcione”, verde, feminista, accesible e con servizos de calidade, que xere riqueza e emprego, destaca.
Declárase preparado para dar un novo rumbo ao concello, desde o orgullo e cun proxecto serio e solvente, colocando as persoas no centro da política
Ourense, 6 de xullo 2022.- A portavoz nacional, Ana Pontón, acompañou a Luís Seara no seu acto de presentación como candidato do BNG á Alcaldía de Ourense proclamando que o actual portavoz municipal “é o alcalde que Ourense necesita para abrir un tempo novo e darlle futuro a esta cidade, desde a dignidade, con orgullo e aproveitando todo o seu potencial”.
Pontón destacou a solvencia, a experiencia e o amor pola cidade dun Luís Seara “que ten Ourense na cabeza e no corazón”, e que ademais conta cun gran equipo de traballo e está arroupado por unha organización forte e unida
“Luís Seara é o alcalde que Ourense necesita para deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente e mirar o futuro con esperanza, con ilusión, con confianza; é o alcalde que necesita a cidade para un cambio real que lle permita volver ser unha gran urbe na que vivir e traballar, poñendo en marcha todo o seu enorme potencial; é o alcalde que Ourense necesita para abrir as portas do Concello de par en par, sacar as tebras e deixar entrar a luz do proxecto do BNG, serio, solvente, en positivo, a favor da cidade, a favor dos veciños e das veciñas desta gran cidade”, argumentou a líder do BNG.
Coa presentación do candidato á Alcaldía, a portavoz nacionalista da por empezada “a conta atrás” para recuperar Ourense e colocala no lugar que lle corresponde, “a de ser unha capital de vangarda, que xere riqueza e emprego da man do proxecto que o BNG ten para esta cidade”. Un proxecto de cidade que se irá nutrindo ao longo dos próximos meses, explicou, pero do que xa avanzou as cinco grandes ideas forza do programa electoral que presentará ante a veciñanza para pedir a súa confianza.
A primeira das liñas estratéxicas do programa é considerar Ourense como concello da auga, desde o termalismo á xestión de todo o ciclo da auga, a auga como factor de dinamización económica e turística. A segunda idea forza pasa por entender Ourense como concello en movemento e transformación, facer unha cidade máis humanizada e accesible desde o punto de vista da mobilidade, apostando polo transporte público de conexión comarcal.
Como terceira liña programática, Ourense como concello creativo, no artístico, cultural, deportivo. “O BNG quere devolverlle á cidade o pulso artístico e cultural que nunca debeu perder, porque a cultura, ademais de creación, benestar e cohesión social, é un motor económico e de xeración de emprego”, explicou Pontón.
Estratéxico é tamén a proposta dun Ourense concello social, acolledor, feminista, igualitario, “onde cada persoa sexa libre para soñar e amar, para ser quen queira ser, un concello tolerante que recupere a participación cidadá”. E como quinta idea forza programática, Ourense como concello sustentable, ecoloxista, ambientalista, porque o futuro pasa por preservar o territorio, por un modelo sustentable da xestión de residuos e coidar o medio natural.
“En maio de 2023 esta cidade ten a oportunidade de escoller un novo goberno que o BNG aspira a liderar, desde a humildade, pero con todo o convencemento de que temos o proxecto para que Ourense avance, para deixar atrás o caos, e abrir un tempo novo desde o orgullo, a confianza e o rigor dun goberno ao servizo da maioría”, recalcou.
“Un goberno do BNG para abrir un tempo novo e darlle futuro a esta cidade, para transformala en positivo e mellorar a vida da xente, e para iso contamos con proxecto e contamos cun candidato con experiencia, solvencia, que leva Ourense na cabeza e no corazón”, concluíu.
Ourense, centro do mundo
Un emotivo Seara arrancou a súa intervención expresando o seu amor pola cidade: “Son un namorado deste concello marabilloso, da cidade e do rural, do seu patrimonio, da súa cultura, da súa paisaxe mais, sobre de todo, da súa xente. Non esaxero se digo que Ourense é o centro do mundo, porque fomos quen de adaptar a nosa forma de ser e de sentir a todo aquilo que ven de fóra, pero tamén porque somos unha potencia creativa, capaces de producir cousas novas e novidosas que se exportan ao resto do mundo”, expresou.
Con esa valoración do que Ourense representa, Seara anunciou que se presenta á Alcaldía “para abrir un tempo” con tres premisas: seriedade, cambio e orgullo. “Seriedade porque abonda de espectáculo e de disparate, a veciñanza quere un goberno municipal serio, que faga que as cousas funcionen, que poña Ourense a funcionar”, indicou. “Cambio, porque hai que deixar atrás os anos catastróficos do tándem Jácome-PP, hai que reiniciar o concello, darlle un novo punto de partida e desde o BNG imos liderar o cambio de rumbo”.
“E orgullo, porque hai que devolverlle o orgullo ás veciñas e veciños, porque cremos en Ourense, sentimos orgullo de ser ourensáns, porque o noso concello ten un potencial e unha capacidade que hai que poñer en marcha canto antes. Queremos un Ourense en grande, traballar por un Ourense en grande, e temos proxecto para ese Ourense en grande”, recalcou, “quero que sintamos o orgullo de pertencer a Ourense, un Ourense sustentábel, verde, feminista, accesíbel e con servizos de calidade”.
As persoas no centro
Seara destacou que o BNG quere que “barrios e parroquias e, sobre todo, as persoas, sexan o eixo de todas as políticas, todos e todas, comerciantes, autónomxs, hosteleirxs, a xente da cultura, traballadorxs dos servizos públicos van ter en min un aliado e un apoio, van ter sempre no BNG unha forza seria, rigorosa e con palabra, que traballa polo desenvolvemento económico do concello e que aposta por políticas xeradoras de emprego”.
O candidato á Alcaldía concluíu trasladando “todo o agradecemento á veciñanza que nos apoiou e que depositou a súa confianza en nós, con todo o orgullo de representar o BNG”, e fixo un chamamento para que se sumen a este proxecto “todas as persoas que queren un futuro mellor e as que votaron por outras alternativas e que hoxe séntense defraudadas e orfas”, concluíu.