O BNG preguntará no Parlamento polo posíbel traslado da Deputación ao Pazo de Xustiza ocupado actualmente pola Audiencia Provincial e por outros servizos xudiciais
Para o deputado Iago Tabarés e logo do rexeitamento feito público a semana pasada pola Sala de Goberno do TSXG, cómpre saber a opinión da Xunta de Galiza e se avala a operación anunciada por Baltar
Ourense, 05 de xullo de 2022. O pasado 30 de xuño e trala celebración dunha reunión no Pazo Provincial na que, entre outras autoridades, estaban presentes o presidente da Deputación Provincial de Ourense, o Delegado territorial da Xunta de Galiza e a concelleira de urbanismo do Concello de Ourense, anunciouse a posibilidade de que as dependencias da institución provincial se trasladaran ao inmóbel que na actualidade ocupa parcialmente a Audiencia Provincial.
Segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés “a día de hoxe non nos consta a existencia de ningún estudo, proxecto ou previsión sobre o lugar no que, no seu caso, ubicar a sede da institución provincial”, e engade, “o pasado 30 de xuño o presidente da Deputación sorprendeu co anuncio da intención de ocupar o actual Pazo de Xustiza”.
Este feito resulta chamativo e despertou todas as alarmas xa que como ben lembra Tabarés, “no momento en que o Goberno de coalición BNG-PSOE na Xunta de Galiza decidiu a construción do necesario novo edificio xudicial para Ourense, asumiu o compromiso de manter o Pazo de Xustiza para usos xudiciais, e por iso continuou a albergar todas as dependencias da Audiencia Provincial e do xulgado e fiscalía de menores”, e engade, “cómpre lembrar igualmente que na actualidade tamén alberga a unidade de mediación, arbitraxe e conciliación e no ano 2017 decidiuse que fose tamén sede da Unidade da Policía Autonómica”.
É por iso que as manifestacións realizadas polo presidente da Deputación de Ourense, tras reunirse co Delegado Territorial da Xunta de Galiza, produciron unha evidente sorpresa na cidadanía e o coherente rexeitamento das autoridades do poder xudicial ourensán, polo que desde o Grupo Parlamentar do BNG veñen de rexistrar unha batería de preguntas para a súa resposta en Comisión.
Na formación nacionalista queren que o Executivo galego se pronuncie a respecto de se ten previsto o traslado das dependencias xudiciais, nomeadamente da Audiencia Provincial do Pazo de Xustiza, e, no seu caso, cal sería seu novo destino así como a do Xulgado e Fiscalía de Menores.
Igualmente preguntan por cal é a razón e cal sería o custe do citado traslado e en todo caso se a Xunta de Galiza participoulle aos representantes do poder xudicial en Ourense tal propósito e de ser así, se estes manifestaron a súa conformidade. Outra das cuestións polas que se interesa o BNG é por saber se a Xunta considera compatíbel albergar as dependencias da Deputación Provincial de Ourense co mantemento dos servizos que actualmente se prestan no Pazo de Xustiza.