O PP oponse á defensa da Universidade Pública Galega na Deputación de Ourense
Bernardo Varela concitou o apoio do partido socialista e de Manuel Caride na defensa da Universidade Pública; mentres que PP, Montse Lama e Democracia Ourensana manifestáronse a favor dunha universidade privada elitista e excluínte
“Entendemos que a Universidade Pública é un referente que iguala a sociedade galega, que debe ser defendida como un punto de cohesión e promoción social” declaraba Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, e continúa afirmando que “desde o BNG non creemos que a universidade privada que propón ABANCA sexa beneficiosa para o conxunto do País e menos para a provincia de Ourense."
Así o entende tamén o Consello Económico e Social da Xunta de Galiza, que se posicionou en contra da universidade privada “Universidade Intercontinental del la Empresa” de ABANCA, incluso por motivos legais. Ao igual que as tres universidade públicas galegas que realizaron alegacións en contra da mesma.
Así a moción que presentaba o BNG a favor da Universidade Pública Galega, foi respaldada tanto polo grupo socialista como polo deputado non adscrito Manuel Caride. Porén foi o grupo do Partido Popular, como a deputada non adscrita Montse Lama, e o representante de Democracia Ourensana, Armando Ojea, os que se opuxeron ás propostas do BNG en defensa da Universidade Publica Galega.
A pesar dos argumentos e do feito de que a aprobación desta universidade privada bordea a legalidade o PP realizou no pleno unha defensa das bondades desta universidade tratando, infrutuosamente, de contradicir os informes do Consello Económico e Social da Xunta.
O BNG critica a xestión de fondos públicos que fai o PP
O grupo provincial do BNG criticou unha vez máis no pleno provincial o reparto de fondos que fai o grupo de goberno do PP na Deputación provincial de Ourense cos fondos públicos tanto no que respecta aos destinados a entidades como nos destinados concellos da nosa provincia.
Aínda así, e a pesar das duras criticas do Consello de Contas da Xunta de Galiza, o PP considerarse dentro da legalidade e entende que queda eximido de toda responsabilidade pola discrepcionalidade neglixente no reparto aleatorio duns fondos públicos que non deixan de ser de todas e todos os Ourensáns.
O BNG respaldou a rebaixa das peaxes na AP-53 e adicar o Día das Letras Galegas a Gurriarán
O BNG respaldou a moción do PSOE para a rebaixa das peaxes na AP-53, e que saíu aprobada por unanimidade cunha adenda para a non imposición de peaxes no resto de autoestradas da provincia de Ourense, como semella que quere facer o goberno do Estado español.
Desde o BNG demoslle a benvida a este posicionamento do grupo socialista, sinala Varela, que tamén lembrou en pleno no transcurso deste debate “que Partido Popular como Partido Socialista son os responsables que nun, ou outro momento, as autoestradas galegas sexan as máis caras do Estado e aquelas que teñen unha concesión máis prolongada no tempo, cando no resto do Estado practicamente xa retornaron a máns públicas”. Polo tanto agardamos que este acordo así se cumpra, dixo o voceiro nacionalista.
O BNG tamén deu o seu apoio á propostas de adicar o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán, destacado poeta e galeguista, que sufriu o desterro pola súa postura a prol da defensa da nosa terra. Que desde logo o fan merecente de tal honra.