Presas: “Comprometémonos a unha Estación Intermodal digna”
O BNG di non ter as mans atadas nin depender de Madrid para levar a cabo unha intermodal que resolva os problemas do actual proxecto
A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, e o voceiro municipal da formación, Luis Seara, comprometéronse a sentar a todas as partes para reformular o proxecto da estación intermodal así como paralizar as obras da estación de autobuses ademais de ser exixentes co goberno central.
O voceiro municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara, comezou lembrando o compromiso da organización para co proxecto da Intermodal. “Unha das primeiras mocións que levamos ao pleno municipal tiña que ver co futuro da Estación e sempre fomos coherentes coa postura que defendemos. Nunca cambiamos de posición como fixeron as forzas de carácter estatal que din unha cousa aquí e outra en Madrid” sinalou Seara.
Asemade, sinalou que a variante exterior tamén é unha das reivindicacións que sempre defendeu e defenderá o BNG “por cuestións de seguranza” ademais do posíbel aproveitamento das vías ferroviarias para unha futura conexión Ourense-San Cibrao que permitiría que as traballadoras se desprazasen no transporte colectivo.
Pola banda da cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, comprometeuse a paralizar as obras da futura estación de autobuses até que haxa unha remodelación do mesmo. “Somos a única organización política que non ten as mans atadas nin estamos subordinadas aos intereses de Madrid. Demostrámolo no pasado co acordo de investidura e demostrarémolo no futuro se gobernamos a Xunta de Galiza” destacou a cabeza de lista.
“Estamos do lado da veciñanza. Non se pode aceptar este modelo de intermodal ao igual que non se pode aceptar máis división entre os barrios da Ponte e O Vinteún. Non se pode aceptar que convertan o noso Centro de Saúde nunha rotonda que aumentará o tráfico viario e máis perigo para os peóns e as usuarias” recalcou Presas. Indicou que a Xunta de Galiza do PP está a rectificar neste momento en parte do proxecto “por presión electoral” para intentar que non se fale deste tema na campaña electoral.
Presas asegurou que o vindeiro 5 de abril hai unha oportunidade para que todas as forzas políticas “digamos que queremos facer con esta intermodal e co futuro de Ourense”. Para a formación nacionalista, se depende do BNG o goberno da Xunta de Galiza poderán actuar a favor dunha intermodal digna. “Nós comprometémonos a unha intermodal digna e duplicar o orzamento do goberno galego para coa intermodal ademais de paralizar as obras da estación de autobuses até que haxa un consenso de todas as partes” sentenciou a cabeza de lista do BNG, Noa Presas.
Repaso de hemeroteca da formación nacionalista
A candidata do BNG lembrou toda a actividade relacionada coa intermodal dende a formación: “Fixemos unha campaña social tanto na cidade de Ourense como, concretamente, no barrio da Ponte. Presentamos alegacións na Subdelegación do goberno e no Concello de Ourense e mesmo emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para debater o futuro da integración da Estación Intermodal na cidade de Ourense”.