Presas denuncia a situación "lamentábel" na que se atopa a cociña do Hospital de Ourense
O BNG exíxelle ao Conselleiro que abra a nova cociña de maneira urxente e que se blinden os postos de traballo ampliando a plantilla
A membro da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, denunciou a situación de insalubridade da actual cociña do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) despois da denuncia das traballadoras. Presas culpou á Consellería de Sanidade de non facer nada e exixíu a apertura da nova cociña do CHUO así como ampliar a plantilla do persoal da cociña.
"É unha situación que chove sobre mollado que só se explica pola inacción da Xunta de Galiza e que debe ser corrixida de forma inmediata" sinalou Presas ante a denuncia feita polas traballadoras da cociña do CHUO. Asemade, continuou preguntando canto tempo vai tardar o Conselleiro Almuíña en vir dar explicacións: "está para clausurar, ademáis da cociña, a Consellería de Sanidade por este espectáculo lamentábel" explicou.
Presas lamentou que esta fose unha situación de extrema gravidade e sinalou que non era a primeira vez que tanto as traballadoras da cociña coma o propio BNG denunciaban esta situación ante os medios de comunicación e directamente á Xunta de Galiza así como a propia inspección de traballo. Dende o BNG entenden que esta situación obedece directamente á incompetecia da Xunta de Galiza posto que "leva meses de atraso na apertura da nova cociña" e leva moitos anos "ignorando as deficincias da cociña vella do CHUO".
"Querería o Conselleiro de Sanidade traballar nestas condición ou comer dunha cociña na que hai roedores campando as sías anchas directamente?" preguntouse Presas. Para a formación nacionalista é unha situación de extrema gravidade e instaron a que se habilitara de maneira urxente a nova cociña e que se amplie a plantilla de persoal, blindado aqueles postos que están en perigo pola "axenda oculta" da que moitas veces fixo alusións no Parlamento de Galiza Noa Presas.