Presas: “É necesario que os distritos de Ourense teñan reforzos humanos e materiais para a extinción dos lumes"

  • A formación nacionalista aposta por un novo modelo de prevención e extinción baixo un mando único e a formación continua das traballadoras
  • O BNG critica a falta de consenso e modificacións no Pladiga 2020 sinalando que é un “copia e pega do ano anterior”

 

Presas: “É necesario que os distritos de Ourense teñan reforzos humanos e materiais para a extinción dos lumes"

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo unha reunión telemática, acompañada do candidato pola Coruña Xosé Luis Rivas Cruz, coa Asociación de bombeiros forestais dos Concellos Galegos para avaliar a situación diante da próxima campaña de incendios. Presas denunciou a inacción do goberno da Xunta de Galiza que “segue sen introducir cambios no dispositivo” e sinalou que o BNG aposta por un novo modelo baixo un único mando e a formación continua das traballadoras.

A xuntanza mantida pola organización nacionalista con BOMFOCOGA centrouse na nova situación pola que atravesará a campaña de incendios ademais de escoitar as necesidades que teñen os bombeiros forestais. A candidata por Ourense atendeu as demandas do colectivo e compartiu as necesidades de mellora nas condicións laborais e de seguridade todo á vez que o período de risco de incendios está a piques de comezar. “Son demandas históricas e recorrentes por parte das traballadoras como a de contar con Equipos de Protección Individual adecuados para as tarefas de desbroce e outros especializados na intervención dos lumes” lembrou a formación nacionalista.

Presas sinalou que para o BNG “o modelo vixente de brigadas nos Concellos demostrou  repetidamente que é un fracaso. É necesario apostar por un novo modelo de prevención e extinción que remate coa atomización actual e se organice baixo un mando único, formación continua, seguridade dos núcleos rurais, rapidez de resposta e homologación do nivel profesional dos seus efectivos”. Ademais, sinalaron que o persoal do reforzo de verán terá que ser seleccionado pola propia administración galega garantindo a súa competencia asumindo, a Xunta de Galiza, as súas obrigas “e deixar de pretender que sexan os propios concellos quen asuma as súas tarefas”.

 

Pladiga 2020: “copia e pega” do anterior

A formación nacionalista mostrou a súa preocupación ante a presentación do novo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA). “Non pode ser que un ano máis o Plan vaia ser un copia e pega do anterior, sen consenso co sector e sen adaptar á nova tipoloxía de lumes producidos polo cambio climáticos e os fenómenos meteorolóxicos de alta intensidade” sinalou Presas. O único novidoso do documento son as achegas referentes á situación provocada pola covid.19.

O anuncio, o pasado venres, polo presidente da Xunta de Galiza, de tratalo no Consello Forestal do vindeiro 28 de maio significa que existe “pouca marxe para mellorar e consensuar o Plan cos diferentes colectivos de bombeiros”. A candidata por Ourense afirmou que é necesario que os distritos de Ourense, polas súas características climáticas e de baixa densidade poboacional, “teñan reforzos específicos humanos e materiais”.

 

Prevención dos lumes durante todo o ano

Tras o acontecido no verán de 2017 e os grandes incendios, a Xunta de Galiza continuou desenvolvendo Plans de prevención que posuían os mesmos erros: sen reordenar o territorio, sen reforzar o servizo de prevención e extinción e mesmo sendo incapaz de sacar adiante un novo Plan Forestal ao mesmo tempo que o anterior quedaba desfasado e incumprido. “Precisamos reforzar o servizo e optar por políticas activas que poñan en valor os montes, empregándoos de maneira multifuncional e sustentábeis” apuntou Presas durante a xuntanza.

O BNG lamentou que o Partido Popular reunira expertos nesta lexislatura xa esgotada para abordar a reforma do servizo de prevención e extinción de incendios e que “á hora da verdade, non introducira melloras substancias nos Plans”.

Presas: “É necesario que os distritos de Ourense teñan reforzos humanos e materiais para a extinción dos lumes"