A concesión da cafetería do Xardín Xaponés na que Jácome gabábase de ter feito “unha gran xestión” demostrouse un “bluf”
O BNG sinala que o pasado 16 de outubro publicouse na Plataforma de Contratación do Estado a resolución do contrato adxudicado en 2020
O Grupo municipal nacionalista lembra que desde o primeiro momento alertou das moitas dúbidas existentes en torno ao adxudicatario e o cal “incumpriu reiteradamente co contrato asinado no seu día”
Ourense, 18 de outubro de 2024. Unha das grandes promesas e dos grandes fitos anunciados por Gonzalo Pérez Jácome xa no anterior mandato tiña que ver coa explotación da cafetería situada no Xardín Xaponés. Logo de permanecer pechada e de ter que acometer unha serie de reformas cuxo valor total ascendeu a máis de 48.000 euros, sufragados polo Concello, finalmente abría de novo ao público en setembro de 2020.
o pasado 2 de abril, o Grupo municipal do BNG comparecía diante dos medios para denunciar a cesión irregular a un terceiro da explotación da cafetería, feito que “incumpría flagrantemente o contrato de concesión”. Daquela, desde a formación nacionalista advertíase que “da información e dos informes técnicos aos que tivemos acceso, despréndense irregulariedades e incumprimentos do contrato que mesmo chegan á cesión irregular a terceiros da explotación do establecemento”.
Apenas tres días despois da denuncia do BNG, o Concello iniciaba os trámites para o rescate da concesión, proceso de rescate que, tal e como sinalan os nacionalistas, “vén de rematar o pasado 16 de outubro coa publicación na Plataforma de Contratación do Estado da resolución do contrato adxudicado no seu día”.
Mais desde o BNG pregúntanse, e así veñen de trasladarllo ao Goberno Local, “cómo pensan proceder xa que a día de hoxe hai unha empresa que está explotando a cafetería sin que medie ningún contrato entre o Concello e dita empresa”, e engaden, “queremos que o Goberno Local aclare como vai proceder con esta situación de ocupación e explotación dun dominio público sin que medie ningunha relación contractual e como se vai proceder co pagamento do canon desde o momento en que finalizou o contrato co anterior adxudicatario”.
Finalmente, o Grupo municipal do BNG pon o foco no feito de que “estamos diante dun bluff do actual Alcalde, quen no seu día gabábase de ter realizado unha gran xestión para o Concello, por certo, cunha persoa próxima a el mesmo, con este contrato e con esta concesión, que o único que deu foi problemas desde o primeiro día e que culmina agora co rescate da mesma tal e como xa advertimos no seu momento”.