Presentamos a única candidatura nacionalista e de esquerdas que concorre ás municipais

Presentamos a única candidatura nacionalista e de esquerdas que concorre ás municipais

Ourense, 23 de decembro de 2014. As Burgas foi o espazo elixido polo BNG para presentaren hoxe o primeiro treito da candidatura BNG-Asembleas Abertas, o primeiro paso dun proceso colectivo que conecta coa xeira de xuntanzas mantidas coa cidadanía porque como explicaba a candidata número 2, Noa Presas, defendemos fórmulas diferentes de participación política para que a cidadanía participe directamente na xestión municipal.

IMG_3064

Pola sua banda, Susana García, que encabeza a candidatura BNG-Asembleas Abertas, apuntou que as-os nacionalistas encaran este proceso coa máxima ilusión “convencidas-os de que podemos seguir achegando moito para construírmos entre todas e todos un concello mellor para as persoas e convencidas-os de que, nestes meses que temos por diante, seremos capaces de que moitas veciñas e veciños camiñen connosco neste proceso de cambio que xa comenzou e que é imparábel”.

Susana García tamén salientou o traballo desenvolto no Concello de Ourense dende o goberno e a oposición, recoñecendo que cometemos erros pero dos que tamén aprendemos. Esta candidatura oferta traballo riguroso e serio, diálogo, transparencia, honestidade máis tamén un modelo de cidade claro cunha folla de ruta definida.

Xente honesta á fronte das institucións

Foi na honestidade onde fixo fincapé o Portavoz Nacional, Xabier Vence, quen arropou esta candidatura renovada e co compromiso dunha xestión honesta porque “temos un compromiso ético insobornábel coa xestión pública algo que non pode dicir o PP nesta provincia”. Vence criticou duramente o labor político do Partido Popular cunha xestión corrupta que reinou durante anos na Deputación de Ourense e coa que conseguiron amarrar o poder dos concellos.

Vence amosóuse convencido de que estas eleccións serán o punto de inflexión para provocar un cambio e unha nova etapa política. Fronte ao declive e o empobrecemento a que nos aboca o PP, Galiza debe asumir unha estratexia centrada na dinamización do sector primario, industrial e comercial todo elo encamiñado á creación de emprego e á mellora da calidade de vida das galegas e galegos.

Tamén interviron na presentación Luis Seara, Xosé Lois Freire, Rut Reza e Fabián Fariñas. Quen non puido hoxe acompañalos foi Beatriz Fariñas, nº 7 da candidatura, que estaba nunha entrevista de traballo a 500 kilómetros. Como dicía Noa Presas “ela é o exemplo vivo das amigas, das irmás, das fillas exiliadas que teñen que coller a maleta obrigadas pola ofensiva das oligarquías financieiras e dun estado e unha autonomía inservíbeis”.

Presentamos a única candidatura nacionalista e de esquerdas que concorre ás municipais