Queremos que Ourense sexa un Concello contrario ás touradas
O BNG levará a pleno o vindeiro 8 de maio unha moción para declarar Ourense Concello contrario ás touradas seguindo asi coas propostas de protección e defensa animal iniciadas coa declaración de Ourense Concello libre de circos con animais.
Este luns 4 de maio as nacionalistas rexistraron unha petición ao goberno para que aclare se o circo que vai ter lugar no Vinteún do 7 ao 11 de maio ten espectáculos con animais posto que no cartaz co que se anuncia aparecen dous canciños.
A proposta do BNG para declarar Ourense concello contrario ás touradas, como xa se ten feito en outros lugares do país, conta co apoio do movemento animalista e antitouradas que respalda este necesario xesto de denuncia do maltrato animal.
Ademáis o BNG-Asembleas leva no seu programa electoral as propostas realizadas polos colectivos animalistas no chamado «Manifesto para a defensa dos animais desde os Concellos» no que se contempla dende un transporte público que permita o acceso dos animais de compañía a un aumento dos recursos da canceira municipal na súa aposta por un modelo de sacrificio cero.
Explicaba a concelleira Ximena González 'agardamos que o resto de grupos se sume a esta proposta de declarar este Concello contra as touradas, a tortura e o asasinato de animais como divertimento é algo que todo o mundo debera rexeitar'.