"Queremos todos os dereitos e querémolos xa" lema co que o BNG celebrará o vindeiro 8 de marzo
A formación nacionalista presentou esta mañá a campaña coa que pretenden sensibilizar e mobilizar á cidadanía de cara a este importante día de reivindicación
Ourense, 02 de marzo de 2022. Esta mañá e na céntrica rúa do Paseo de Ourense, a deputada no Pazo do Hórreo Noa Presas, a concelleira Rhut Reza así como varios membros tanto do consello comarcal como local do BNG de Ourense presentaron a campaña que ao longo destes días vai desenvolver a formación nacionalista con motivo do Día Internacional da Muller o vindeiro día 8 de marzo.
Para Noa Presas co lema da campaña "o que queremos é animar á sociedade ourensá a mobilizarse e sair de novo ás rúas este 8M para secundar a axenda do movemento feminista da cidade e da contorna". Presas aludiu a un feito que non é menor como que "hai xa cinco anos que o feminismo galego comezou un ciclo mobilizador moi potente con diversas folgas feministas e unha axenda moi intensa, con debates e victorias tan importantes como a sala de partos de Verín".
Pero para as nacionalistas cómpre facer igualmente unha reflexión que segundo a deputada Noa Presas "non debemos pasar e é que a pandemia da COVID-19 amosou que a desigualdade das mulleres segue a ser unha realidade viva", e engade, "vimos nesta pandemia como as profesións máis precarizadas son as que conteñen a vida, traballadoras das residencias, as traballadoras do servizo de axuda no fogar, as da sanidade, etc, e vimos como a normalización da pandemia non conlevou un recoñecemento de dereitos destas traballadoras".
As condicións de vida das mulleres, as que máis sofren, sobor de todo nestes momentos de crise económica tampouco atoparon resposta por parte das institucións xa que a "a temporalidade aumenta máis no emprego feminino, a precariedade tamén e mesmo vemos situacións ilegais como é que exista fenda salarial entre homes e mulleres e a cal desde hai 15 anos supera os 1400 euros".
Entenden desde o BNG que neste 8M queda "todo por conquistar" polo que insisten na necesidade de sair ás rúas e reivindicar os dereitos das mulleres e exixir que as promesas feitas polas administracións ao longo dos últimos anos se materialicen dunha vez e deixen de ser "papel mollado".
Neste senso, Noa Presas enumerou as principais reivindicacións da formación nacionalista anunciando "o aumento da presión nas institucións para que se produzan eses cambios".
Para o BNG cómpre "que o Parlamento impulse unha reforma da Lei de Igualdade que data do 2004 e que quedou obsoleta xa que é preciso pedir as transferencias en materia de inspección laboral e poder controlar e sancionar os incumprimentos neste ámbito".
En segundo lugar, "a actualización do estudo realizado en 2008 sobre o chamado traballo invisible das mulleres, sobor de todo, para darlle visibilidade e corrixir as diferenzas e deficiencias existentes. Ao mesmo tempo Exixir ao Goberno do Estado a ratificación do convenio 89 da OIT".
En terceiro lugar, as nacionalistas piden que todas as administracións incorporen cláusulas de igualdade nos procesos de contratación pública para evitar situacións coma as que estamos vendo estes días xa que, segundo Presas "con isto aseguraríamos condicións dignas de traballo e non ter que ver o destes días, as traballadoras da limpeza do CHUO anunciando folga polos incumprimentos nas condicións laborais ou como vimos recentemente coas traballadoras do SAF do Concello de Ourense".
En definitiva, "con esta campaña animamos á sociedade galega a reflexionar sobre o feito de que queda moito por avanzar en igualdade e polo tanto é moi necesario sair ás rúas este 8 de marzo para, entre todos, pór o noso grao de area e conquerir todos os dereitos e conquerilos xa".