O BNG acada o acordo unánime de PP e PSOE na Deputación de Ourense para demandar que o sector bancario garanta unha atención digna aos seus usuarios, interpelando a Xunta e Goberno do Estado para por en marcha os mecanismos necesarios
O terceiro punto de acordo insta a rectificar a política de subvencións á instalación de caixeiros automáticos por parte do goberno da Xunta, xa que provoca unha falsa sensación de mantemento dos servizos, ó tempo que prima a substitución de oficinas por caixeiros automáticos en Concellos onde estas funcionaban.
O voceiro do Grupo Provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, presentou ante o Pleno da Deputación unha serie de medidas coas que por fin á exclusión bancaria que padece boa parte da nosa veciñanza, entre elas atópase garantir horarios axeitados de atención presencial, así como unha rede de caixeiros e oficinas básicas no territorio dunha provincia eminentemente rural como a de Ourense.
Varela facía tamén fincapé na necesidade instar á Xunta de Galiza a rectificar a súa política de subvencións de caixeiros por contribuír ao efecto chamada de peche de servizos. O voceiro nacionalista indicou que a reacción do goberno galego, ante o desmantelamento de servizos bancarios, no lugar de impulsar mecanismos públicos alternativos e unha férrea de defensa das e dos consumidores, foi o de regalar fondos públicos á entidade Abanca para que instale caixeiros ao tempo que está a reducir caixeiros, oficinas e postos de traballo no noso país. "Os bancos non van manter os seus servizos cando saben que hai unha Administración que lles paga por reabrilos cando os pecha", unha demanda do BNG que foi ratificada no pleno provincial por PP, PSOE e o resto de grupos; a pesar de que fai só dous día o PP mostrouse contrario a esta medida proposta pola deputada Noa Presas no Parlamento de Galiza.
O BNG traía por segunda vez á Deputación unha moción en defensa do acceso aos servizos bancarios da cidadanía, xa en abril de 2021 o BNG presentaba unha moción na que advertía do que estaba acontecendo e das graves consecuencias de exclusión financeira para a poboación. Unha exclusión financeira que non só está afectando dun xeito "gravísimo" ao colectivo de persoas maiores e con menos habilidades dixitais, senón que a banca privada está a expulsar ás e aos clientes que non lles interesan, provocando tamén a exclusión de colectivos vulnerables, e xerando con elo problemas de exclusión social.
Ante isto, o BNG presentaba entre os acordos, a demanda de acometer unha serie de cambios lexislativos desde a Xunta e do Estado, con intermediación da Deputación provincial, que garantan uns servizos dignos, que imposibilite o peche repentino de oficinas e se deixe aos usuarios sen os mesmos. Pois até o de agora, os cambios acometidos débense en boa media a unha presión mediática e social que nada garante que involucionen unha vez desapareza do foco este grave problema.
O único punto en discusión foi o punto sete proposto polo BNG, no que se propoñía impulsar novas fórmulas de participación pública da economía, porén que en pro do consenso e unidade de acción ante a grave situación que padece moita da nosa veciñanza foi aceptada unha enmenda do Partido Popular en pro de reforzar a implicación das institucións públicas na reactivación económica, a través do IGAPE.
O BNG oponse á privatización do servizo de recollida de lixo da Deputación.
O BNG manifestou a súa oposición á modificación do modo de xestión directo do servizo público intermunicipal de recollida de lixo. Tal como quedou patente na moción que presentou no mes de xaneiro de 2021 os nacionalistas continúan acreditando no modelo de xestión directa deste servizo.
Bernardo Varela, considerou que aínda que hai que mellorar cuestións como a redución de residuos e aumentar a cantidade que obxeto de reciclaxe, non existen razóns para a privatización deste servizo que está funcionando razoábelmente ben.
Demandou igualdade de Xénero na concesión de distinción do ente provincial
Varela xa sinalou en diferentes comisións e tamén neste pleno que existe unha clara desigualdade cara as mulleres desta provincia á hora de serlles concedidas distincións da Deputación de Ourense en recoñemento dos seus méritos.
O voceiro nacionalista propuxo que se teñan en conta os seguintes nomes para que sexan recoñecidas coas distincións de "Filla Predilecta da Provincia", e /ou coa "medalla de ouro" , a estas destacada mulleres: Antonia Ferrín: do Carballiño, foi a primeira muller en ler unha tese doutoral sobre astronomía no Estado español, 1963, tamén a primeira tese que foi defendida na facultade de matemáticas da USC; Licenciada en Químicas e farmacia. María Crespo: cardióloga nada en Cea en 1961. Recoñecida en diferentes ámbitos internacionais e asociacións de cardioloxía. Recoñecida coa medalla Castelao, e co nomeamento de filla predilecta do seu concello de nacemento
Chamada de atención a Gonzalo Jácome
O voceiro nacionalista aproveitou o turno de rogos para sinalar a falta de respecto institucional que está mostrando o representante de Democracia Ourensana desde que ocupa o cargo de deputado provincial.
Esta chamada de atención veu motiva polas ausencias continuadas e a desatención ao seu cargo. Estivo presente só uns minutos en dous plenos, ausentandose sen xustificación previa de ningún tipo.