Contra o roubo do aforro galego
Concentración diante da sucursal de Novagalicia Banco na Rúa do Paseo, luns 3 ás 12.00h
O anuncio que confirma a desaparición de Novagalicia Banco ((NGB) deixa ao descuberto as mentiras e incapacidade do Goberno do PP e de Núñez Feijoo.
Cartos públicos para vender Novagalicia Banco
Desgrazadamente o peor escenario vén de ser confirmado. Galiza perderá o único instrumento de seu, produto do aforro esforzado de xeracións de galegas e galegos para ser entregado, a custe cero e por riba con diñeiro público a maiores, a un banco privado sen arraigo na Galiza.
O desastroso final que se aveciña para NGB demostra o fiasco da política económica de Feijoo e do PP para Galiza. Os miles de millóns de diñeiro público para as entidades financeiras son sufragados con recortes sociais en servizos públicos básicos. A maiores, os bancos empregan ese diñeiro público para si mesmos, para as indemnizacións dos seus directivos e manteñen pechado a cal e canto o crédito para as pequenas e medianas empresas e a maioría das familias.
Agora, co diñeiro dun rescate que pagamos todos e todas, NGB recibirá 5.425 millóns para ser vendida, co que finalmente eses cartos públicos irán a parar a un banco de fóra de Galiza.
A estafa das preferentes
Ademais, tamén levará de regalo miles de millóns de pequen@s aforrador@s, aos que se lles expropiará sen dereito a protestar entre o 30 e o 70 por 100 do que depositaron, enganados, en participacións preferentes.
Despedimentos de traballador@s e peche de oficinas Esa contribución que nos impoñen suporá, para máis agravio, tanto destrución de empregos como peche de servizos na Galiza. É inmoral que se dea diñeiro público coa condición de despedir a máis de 2.500 persoas que viven do seu traballo, así como para pechar miles de
oficinas que agravarán aínda máis o deterioro de servizos en moitos concellos e vilas rurais de Galiza.
Hai responsábeis políticos
Todo isto ten un responsábel: o Presidente da Xunta de Galiza Núñez Feijoo, que prometeu unha caixa de aforros galega e solvente.
Non foi quen de mantela como caixa, e agora someténdose á política que o PP dita en Madrid, asiste incapaz e sen erguer a voz á entrega final de NGB a outra entidade
financeira allea ao país. Feijoo consentiu o deseño feito polo Goberno central, tamén do PP, do Banco de España e da Unión Europea, encamiñado a destruír as pequenas
entidades de aforro para reforzar o poder da grande banca privada.
Non ao espolio do aforro galego. Os buratos da banca que os paguen os banqueiros