Axudas económicas para a realización das Inspecións Técnicas de Edificios
O Grupo Municipal do BNG elixiu o núcleo singular de Seixalbo, para presentarlles aos veciños a proposta que se debaterá no próximo pleno do 7 de decembro na que pide que se prorrogue o prazo para pasar a Inspección Técnica de Edificacións (ITE) e que se reserven fondos para subvencionar os gastos que estas inspeccións lles ocasiona aos propietarios e inquilinos con poucos recursos económicos.
A Ordendanza Municipal que obriga a pasar a inspección das edificacións para determinar o seu estado de conservación aos edificios construidos antes de 1911 aprobada en Ourense hai máis de 2 anos e dende entón so cumpriron a normativa o 15% dos máis de 3.500 edificios suxeitos á inspección.
Para os nacionalistas, a situación de crise que están a viver moitas familias na nosa cidade supón un impedimento á hora de sufragar os gastos que conleva tramitar o cumprimento desta ordenanza. É polo que o BNG propón outorgar axudas ás persoas con dificultades económicas establecendo como criterio xeral a renda máis tamén ter en conta, como criterio específico, as consecuencias que a crise económica puido ter producido na unidade familiar.
Na presentación da moción este mércores 5 na rúa do Sol en Seixalbo as veciñas trasladaron a necesidade dunha prórroga para a realización da Inspeción pois en moitos casos as notificacións non se realizaron co tempo necesario para dispor dos recursos que se require para facer a inspeción e asumir as obras en caso de que esta sexa negativa desfavorábel.
O BNG solicita tamén, que en base a estas dificuldades e as que podan presentarse, se inclúa unha partida nos orzamentos do 2013 para axudar aos propietarios ou inquilinos de edificacións que requiran facer obras logo de inspeccións con resultado desfavorábel, un punto que estará na axenda do BNG na tramitación dos orzamentos.
Ourense, 5 de decembro de 2012