Seara e Reza inciden na legalidade da participación veciñal
O BNG levará ao pleno municipal desta semana unha moción relativa a prol da participación veciñal nas diferentes xuntas de área, segundo marca a normativa vixente. Asemade, instan a actualizar o Regulamento de Participación Cidadá para dar cabida aos distintos representantes da veciñanza.
O acceso á información e á transparencia están regulados na Lei 19/2014 do 29 de decembro. Neste regulamento só se fai mención á necesidade de render contas mediante as canles de información e participación cidadá. Dende o BNG conciben que un sistema democrático de calidade debe permitir artellar esta canle de intervención directa da cidadanía na concreción das políticas municipais.
No regulamento tamén aparece reflictido que dentro de cada área de goberno, en materias que non sexan exclusivas do Pleno, o alcalde ou concelleiro pode convocar reunións con carácter periódico. Nestas reunións formarán parte todos os grupos políticos e terán o obxectivo de dar conta do funcionamento ordinario da área.
"A actual norma está obsoleta porque aínda que recolle que poderá asistir un representante dos cidadáns a cada Xunta de Área, esta persoa será designada polo alcalde" sinalou a concelleira do BNG, Rhut Reza. Asemade, sinalou que existe máis dunha federación veciñal e asociacións que non están federadas. "Isto fai necesaria unha revisión e actualización do regulamento de 2006 aínda vixente" sinalou a concelleira Reza.
Por todo isto, dende o BNG solicitarán no pleno deste venres qie se modifique e actualice o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ourense. Así, darase cabida aos distintos representantes da veciñanza. Sumado a isto "instaremos ao pleno do Concello que permita, con carácter inmediato, a participación veciñal nas diferentes xuntas de área segundo a normativa vixente" engadiu a concelleira do BNG.
"A cidadanía e as asociacións e organizacións da mesma precisan canles específicas, coma en todos os procesos participativos" apuntou Reza. "Debemos facer posíbel que a cidadanía participe da vida pública do concello, permitindo propoñer, debater e discutir sobre as políticas públicas que se levan a cabo. Non podemos quedarnos coa política representativa no pleno do concello" concluíu a concelleira Rhut Reza.