Seara: “Temos o dereito e o deber de controlar as accións do alcalde”
O portavoz municipal do BNG, Luis Seara, e a concelleira, Rhut Reza, presentaron un escrito ante a Valedora do Pobo apelando ao dereito que teñen como concelleiros de visualizar os expedientes que solicitan no Concello de Ourense, após dúas negacións por parte do concello a ter acceso ao expediente da multa de Jácome.
“A cidadanía nas últimas eleccións municipais decidiu que estiveramos na oposición no Concello de Ourense” sinalou o voceiro municipal, Luis Seara. Engadiu que, como oposición “temos o deber de fiscalizar e controlar ao cogoberno municipal e tamén ao alcalde”.
Seara indicou que dende o BNG solicitaron o acceso ao expediente relativo á multa de Jácome cando tiveron coñecemento de que “se autoquitara a multa”. Denegárono aludindo a un artigo do Regulamento Orgánico do Concello de Ourense e volveron a presentar un segundo recurso. “Desta volta xa non aludiron ao Regulamento Orgánico se non que apelaron á Lei de Transparencia e boas prácticas” indicou o voceiro do BNG.
“Temos o dereito e o deber de controlar as accións do alcalde. Resulta incomprensíbel que respondan de diferente maneira a dúas solicitudes presentadas sobre o mesmo tema” alegou Seara, voceiro municipal do BNG. “Sabemos o coidado que precisa a documentación á que por dereito temos acceso pero o dereito á información das concelleiras debe prevalecer ante a protección de datos do alcalde” sinalou Luis Seara.
“A negativa do cogoberno ao non deixarnos acceder ao expediente só pode obedecer a dúas razóns: ou ben, que hai algo que o alcalde non quere que saibamos, algo que quere ocultar; ou simplemente que nos está vacilando e iso si que non lle imos permitir” apuntou Seara durante as súas declaracións. Isto senta un precedente para a formación nacionalista xa que “hoxe é o seu expediente pero mañá pode ser calquera outro documento”. Por este motivo, o BNG solicitou ante a Valedora do Pobo a que lle dea “un toque de atención ao alcalde” para que deixe de ter un “papel obstrutivo”.
Dende o BNG din que non presupoñen absolutamente nada: “só queremos ver o expediente e posteriormente actuar en consecuencia do que alí veremos”. Non saben se hai prevaricación ou non, e queren fiscalizar e controlar cada un dos documentos que forman parte do expediente da multa de Jácome como así o fan con outros expedientes aos que piden acceso.