Presas: "Queren converter o Hospital Comarcal de Verín nun mero Centro de Sáude "

A deputada do BNG denuncia os recortes en sanidade na comarca de Monterrei

Presas: "Queren converter o Hospital Comarcal de Verín nun mero Centro de Sáude "

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, denunciou a decisión tomada polo PP da Xunta de cancelar os partos no Hospital Comarcal de Verín. Asemade, asegurou que dende o BNG non se calarán e levarán o tema ás institucións e estarán presentes o 30 de novembro nas mobilizacións en Verín para reclamar unha sanidade pública e de calidade.

Hai menos de dúas semanas a deputada do BNG, en sede parlamentaria, preguntáballe ao Conselleiro de Sanidade, Almuíña, sobre a atención de pediatría na provincia de Ourense e, en concreto, no Hospital Comarcal de Verín. Despois de asegurar o Conselleiro que as prestacións estaban garantías deciden cancelar o servizo no Hospital de Verín alegando desculpas técnicas.

"Trátase de garantir a atención do territorio, non nos valen as desculpas técnicas. Isto é un escándalo" denunciou Presas. Aos recortes exercidos polo Partido Popular dende a Xunta de Galiza, explicaba a deputada do BNG, súmaselle a ineficacia de atraer persoal así como a falta de vontade de investir "recursos económicos públicos na sanidade pública".

Presas afirmou que "hai que garantir persoal suficiente para que se poidan levar a cabo partos en condición de seguridade e para que calquera neno ou nena da zona de Verín e Monterrei teña un médico especialista que o poida atender". Dende o BNG, amosaron a súa oposición ante a decisión tomada hoxe de cancelar o servizo no Hospital Comarcal de Verín e entenden que debe ser rectificada esta decisión.

"É recortar servizos de primeira necesidade a unha poboación que os necesita. Queren converter o Hospital Comarcal nun mero Centro de Sáude" sinalou a deputada do BNG. O Partido Popular de Feijóo, asemade, quere que as mulleres embarazadas teñan que realizar o percorrido dunha hora en coche para poder levar a cabo o parto. "A axenda oculta do PP é que teñamos que rematar dos indo a Vigo" criticou Presas.

Mobilizacións 

Asemade, a deputado do BNG asegurou que non se calarán e levarán o tema ao Parlamento de Galiza "denunciando esta decisión e esixindo a rectificación". Adiantou tamén que asistirán ás mobilizacións convocadas para o 30 de novembro en Verín para reclamar unha "sanidade pública e de calidade".

Presas: "Queren converter o Hospital Comarcal de Verín nun mero Centro de Sáude "