A suba do recibo da luz e os anegamentos na zona histórica irán a pleno este venres da man do BNG
Intervención pública da enerxía, tarifa eléctrica galega, IVE do 4% e garantir o subministro ás familias con falta de recursos, algunhas das propostas do BNG en relación coa nova tarifa eléctrica
A renovación da rede de saneamento e a adopción de medidas que minimicen as consecuencias da chuvia na zona histórica será obxecto tamén de debate
Ourense, 01 de xullo de 2021. No pleno do mes de xullo, debaterase unha moción rexistrada polo BNG e referida á nova tarifa eléctrica que tanto malestar está a crear entre a veciñanza. O incremento nas tarifas por mor das últimas modificacións introducidas polo goberno Central fai que, o recibo da luz dunha familia se poida ver incrementado este mes ao redor dun 45%.
Desde o BNG pedirán ao pleno trasladar ao Goberno central o rexeitamento por parte do Concello de Ourense da súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerábeis.
Pedirán instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica que permita reducir os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica. Beneficiar aos territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción e por último modificar a Lei 24/2013, do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
Anegamentos na zona histórica
A segunda das mocións dos nacionalistas refírese aos cada vez máis frecuentes anegamentos na zona histórica por mor da chuvia cando cae con certa intensidade. No BNG pregúntanse, ¿Quen vai querer abrir un negocio na rúa Cervantes se xa sabe que a pouco que chova con intensidade váiselle anegar o local?, ¿quen vai mercar ou alugar un piso na rúa Colón se a pouco que chova con intensidade vai ter que sair do mesmo nadando?
Solicitarán instar ao Goberno Local a iniciar os estudos técnicos precisos para a renovación da rede de saneamento da zona histórica e para executar as obras precisas que minimicen os efectos das fortes chuvias, cada vez máis frecuentes, en boa parte desta zona da cidade.