"O BNG de Viana é exemplo de loita contra o caciquismo e de compromiso cos veciños", di Noa Presas

"O BNG de Viana é exemplo de loita contra o caciquismo e de compromiso cos veciños", di Noa Presas

Noa Presas, cabeza de lista do BNG ao Congreso, visitou esta mañá  Viana do Bolo un ano despois da chegada do BNG á alcaldía. Presas mantivo un encontro coa corporación e outra militancia que estiveran repartindo o programa electoral na feira. “Viana é un exemplo do traballado durante anos polo BNG que finalmente conseguiu botar fóra das institucións ao caciquismo do Partido Popular e propiciar un cambio político”, dixo Noa Presas.

O alcalde de Viana, Secundino Fernández, explicou que o seu é un concello participativo, no que as veciñas e veciños poden intervir libremente nos plenos, sen límite de tempo e sen ter que rexistrar previamente as preguntas, e mesmo a oposición pode responder sen ningún tipo de veto.

Presas engadiu que “fronte á prepotencia das autodenominadas forzas do cambio que non cambian nada, o BNG de Viana é exemplo de loita contra o caciquismo e de compromiso cos veciños malia os intentos do PP de acabar co goberno, ratificado na institución e xudicialmente despois dunha denuncia infundada.  Isto demostra que os concellos verdadeiramente rebeldes están en sitios como Viana, superando décadas do PP da man do BNG”

No encontro, Presas explicou que “ter unha voz propia significa ser autónomos e non ir mendigar solucións para os nosos problemas senón esixir soberanía  para resolvelos por nós mesmos cos nosos recursos” en relación ao financiamento dos concellos e da comunidade autónoma así como outros problemas que afectan ao rural, desde a distribución das axudas da PAC á Lei de Montes. Ourense, 13 de xuño de 2016

 

"O BNG de Viana é exemplo de loita contra o caciquismo e de compromiso cos veciños", di Noa Presas