Empeza curso escolar con novos recortes da Xunta na educación pública
O curso escolar arranca con novos recortes na educación pública por parte da Xunta con 48 unidades menos en infantil e primaria, que se suma ao peche de 527 unidades desde a chegada de Feijóo ao goberno, 189 millóns de euros menos de orzamento e un recorte de 3.000 profesores e profesoras nesta lexislatura. Ademais, aumenta a precarización do persoal docente, obrigado a dar materias afíns a súa especialidade e dun xeito itinerante por centros.
Todo isto fai que a calidade da educación se resinta, subliña o portavoz nacional, Xavier Vence, quen tamén enumerou o recorte de profesorado para alumn@s con necesidades especiais, a redución de prazas de comedor escolar e a caída de beneficiarios de libros de texto gratuítos.
A formación nacionalista critica tamén a implementación sectaria e atropelada da aplicación da LOMCE, que está a provocar un caos no inicio do curso en Galiza, unha das poucas comunidades autónomas que puxo en marcha a nova lei pola obediencia do presidente da Xunta a Madrid.
A política educativa de Feijóo é un desastre en termos de calidade educativa e da presenza do galego no ensino, advirte Vence, quen pide reverter este proceso a favor dunha sociedade onde todos e todas teñan acceso a unha educación de calidade e a un futuro profesional, e se respecte o galego no ensino, tal como demanda maioritariamente a sociedade.