O BNG denuncia unha rede de clubes falsos para controlar a presidencia da Federación Galega de Kickboxing e obter fondos públicos
Presas pide a investigación da Xunta de Galiza diante dunha posíbel fraude de subvencións públicas e advirte que as eleccións da federación do próximo 9 de outubro son antidemocráticas.
Ourense 30/09/2020. A deputada do BNG, Noa Presas, alerta sobre os novos indicios de fraude da fundación privada Cipi Gomes, cuestión que xa se denunciara no Parlamento Galego antes da disolución da cámara pola convocatoria electoral no mes de febreiro de 2020. Naquel momento o Parlamento demandar de forma unánime, a iniciativa do grupo nacionalista, a remisión de todos os convenios, axudas e subvencións da Xunta coa fundación nun prazo de quince días. Porén, este compromiso foi incumprido.
O BNG recorda que a Fiscalía ten unha investigación aberta desde 2015 sobre o centro de tecnificación de Viana de Bolo que xestiona a fundación, situación na que chove sobre mollado pois no ano 2017 coñeceuse publicamente xuízo pola fraude nas subvencións do kickboxing que rematou coa condena de Cipriano Gomes.
Ademais, o BNG denunciou en sede Parlamentar que esta fundación está vinculada a unha rede de escolas deportivas que son ficticias e que o que buscan é ter o control da Federación galega de kickboxing e obter fondos públicos por parte da Xunta de Galiza e doutras administracións como a Deputación de Ourense.
Convocatoria electoral fraudulenta e novos indicios
Para o BNG é de extrema gravidade que haxa unhas eleccións da Federación Galega Kickboxing convocadas para o día 9 en situación fraudulenta, pois a existencia da rede de clubes falsos permite que a única candidatura sexa a do señor Cipriano Gomes impedindo a participación democrática en igualdade de condicións dos clubes galegos. Ademais, é particularmente escandaloso porque os estatutos recollen a imposibilidade de elixir a persoas que foran inhabilitadas para ocupar cargos directivos.
Así mesmo, recorda que durante este 2020 ocorreron feitos graves como o intento por parte da dirección da Federación de impoñer cotas abusivas no ano 2020, cuestión que foi tombada polo Comité Galego de Xustiza Deportiva o 17 de xullo de 2020 considerándose infracción moi grave por parte de Josefina González, anterior presidenta e esposa do actual candidato.
Estes novos feitos fan saltar todas as alarmas e é de extrema gravidade que a Xunta de Galiza non actuara de oficio, polo que o BNG pedirá explicacións no Parlamento Galego, auditar os recursos públicos obtidos a maiores nestes meses e dirimir se o Partido Popular está a amparar as actuacións da Fundación Cipri Gomes por ser o seu presidente un recoñecido membro do partido e que publicamente se identificou como compromisario de Pablo Casado.