O BNG demanda a intermediación pública cos axentes económicos para mellorar o mercado laboral da provincia de Ourense.
O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da inciativa que os nacionalistas presentarán ao pleno do ente provincial o vindeiro venres 31 de maio.
A deputada provincial María Mangana demandou a creación dun foro socioeconómico ourensán, coa participación dos sectores empresariais ( CEO, AJE, Asociación de autónomas e autónomos), sindicatos de operarios e agricultores, administracións públicas (Estado, Xunta e Deputación de Ourense) e Universidade, para elaborar un documento de propostas para a mellora da situación do mercado laboral da provincia de Ourense.
“Esta é unha proposta que garda moita relación coa xa presentada no mes de decembro de 2023 polo BNG relativa a dar un impulso aos parques industriais de Ourense” declarou María Mangana.
Os nacionalistas presentan esta demanda ante o ente provincial motivada polo recente informe da Confederación Intersindical Galega (CIG) que evidencia, a través de datos públicos facilitados pola Seguridade Social, a preocupante situación do mercado laboral que padece Ourense.
Así desde o BNG comezaron resaltando o forte declive demográfico que padece a provincia e que implica unha importante incidencia directa no mercado de traballo. Unha provincia que é a que ten os salarios máis baixos da Galiza e na que se se ten en conta a inflación acumulada, en termos reais os salarios descenderon nos últimos oito anos, mentres que no resto do País medraron unha décima, afirmaba a deputada nacionalista.
Como principais características da situación do actual mercado laboral da provincia sinaláronse o empeoramento da muller no mercado laboral de Ourense tras a última reforma laboral aumentando a fenda laboral e a taxa de temporalidade ou polo tipo de contrato; a alta porcentaxe de poboación desocupada en toda provincia; o importante incremento das desigualdades da clase traballadora e mesmo o como o 35% da poboación ourensá obtivo ingresos por baixo do salario mínimo interprofesional.
Mangan remataba cunha das conclusións do informe da CIG, que afirma que nos sectores produtivos directos, como a construción, o primario e industria, descende o número de empregos e empregadas e mantense o de servizos e o asistencial, “o que non é un bo indicador laboral xa que aumenta a dependencia dos recursos económicos derivados das pensións, en lugar da remuneración salarial por emprego activo.”
A deputada nacionalista clarificaba que os traballos e conclusións deste FORO DE TRABALLO proposto polo BNG na deputación de Ourense deberá aportar as súas conclusións no prazo máximo de seis meses desde a súa constitución.