Un debate público entre os candidatos en Ourense para que se fale de Ourense
Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, avanzou esta mañá nun encontro con xornalistas unha proposta para que se organice un debate con todas as formacións políticas en Ourense. Un debate que sexa público, aberto e moderado por algunha entidade independente. Pedímolo agora, con tempo antes de que comece a campaña electoral, porque pensamos que o debate é a única forma de que os temas específicos de Ourense sexan tratados na campaña, insistiu Presas ante os xornalistas.
O BNG remitiu esta mesma mañá unha carta coa proposta aos cabeza de lista de cada unha das outras sete candidaturas que se presentan ao Congreso na provincia.
Pensamos que o debate é a forma máis democrática de contrastar tanto as ideas, como as propostas políticas, como a capacidade das persoas para defendelas, subliñou Noa Presas que ofreceu a colaboración do BNG-Nós para traballar na organización e adiantou que iría ao debate sen ningún tipo de condicións previas. A candidata nacionalista tamén considerou que debería ser unha obrigación de calquera que se presentase a unhas eleccións someterse a este tipo de debates públicos con outros candidatos. Ourense, 31 de maio de 2016