Un BNG solvente para plantar cara aos recortes
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegurou na presentación da candidatura de Ourense que Feijóo non pode ofrecer nin a solvencia nin a estabilidade da que tanto presume pois fracasou nas súas políticas económicas e e nunca se dera unha division da dereita como a que se dá agora.
Feijóo di que é garante de unidade e estabilidade pero xa vistes a dimisión de Esperanza Aguirre, a algúns ex altos cargos do PP apoiando a Mario Conde ou os líos en Ourense con Baltar. Feijóo ten un grave problema, ademais de non poder ofrecer un balance de xestión das contas públicas agora está quedando tamén sen argumentario de campaña.
Jorquera lamentou que alguén que fixo da mal chamada austeridade o eixe da súa actuación de goberno deixe o País cunha débeda que se multiplicou por dous puntos e medio dende que o PP chegou á Xunta en 2009 e no posto sexto das Comunidades con máis défice público.
Para o candidato nacionalista, Feijóo preséntase a estas elección cun balance de xestión que é un libro en branco, pois non foi quen de dar resposta a ningún dos principais problemas dos galegos e galegas, máis ben todo o contrario, levando á economía ao borde da ruina, batendo record de parados e situando os principais sectores produtivos do País nunha situación de crise sen precedentes.
O BNG nos concellos está demostrando que ten lexitimidade para plantar cara ás políticas de recortes, por iso é o único garante dun cambio real o 21-0
Fronte a esta realidade Jorquera presentou o BNG como única garantía dun cambio real de políticas, que asegure un goberno insumiso coas políticas de recortes e boa proba do mesmo é o traballo da formación nacionalista nos concellos.
O BNG nos concellos -dixo- demostra que ten lexitimidade para plantar cara aos recortes, como acaba de facer Pontevedra coa supresión da paga extra da nadal para os funcionarios.
O candidato nacionalista reiterou que non se pode saír da crise se non hai unha aposta clara por políticas que rexeneren a democracia, defendan os servizos públicos e reclamen máis autogoberno e no BNG temos o mellor programa, as mellores listas e a convicción de que en Bloque podemos conseguir un novo tempo político para o País.
Tereixa Paz
Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG de Ourense, Tereixa Paz engadiu que o BNG ten ideas fronte a un PP que só propón máis recortes e privatizacións e considerou que a alternativa que representa o BNG pon en valor as potencialidades de Galiza fronte a políticas que gravan a actividade dos e das traballadores, autonómos, pequenos comerciantes e desempregados.
A candidata nacionalista reiterou que os homes e mulleres que conforman a canditatura do BNG en Ourense traballarán para que as nenas e nenos teñan un sistema educativo público e de calidade, os mozos e mozas non emigren e as persoas que o precisen conten con servizos sociais e gratuítos.
Previamente, o candidato número dous, Xosé Manuel Cid Fernández, defendeu unhas listas representativas da pluralidade da organización e da sociedade, con membros pertencentes a distintos sectores sociais.