Paz: Se non cambian as políticas o comercio en Ourense desaparecerá
Tereixa Paz afirma que urxe presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a liberalización dos horarios comerciais para que os comercios en Ourense non pechen as súas portas definitivamente.
A cabeza de lista do BNG, Tereixa Paz participou hoxe nun acto en Xinzo sobre a actual situación do comercio no que afirmou urxe presentar un recurso contra a liberalización dos horarios comerciais ante a crise que padece o sector.
Na súa intervención, a candidata asegurou que o sector do comercio e pequenos empresarios representan un sector básico para a economía das vilas e cidades galegas polo que apelou a posta en marcha de políticas activas para facer fronte á grave crise do sector comercial.
O comercio, sector básico para a economía de vilas e cidades
A nacionalista que percorreu diversos centros comerciais da vila acompañada do nº 2 da candidatura, Xosé Manuel Cid Fernández, o tamén candidato, Ramiro Rodríguez Suárez e o exdeputado, Alfredo Suárez Canal, manifestou que resulta necesario apoiar o financiamento das empresas e comercio a través de liñas especificas do Goberno galego así como a creación dunha banca pública destinada a potenciar o tecido produtivo galego.
Neste sentido, reiterou que o exercicio do autogoberno implica a presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra os decretos lei que liberalizan os horarios comerciais e as temporadas de rebaixas o que está a perxudicar gravemente ao pequeno comercio.
Detención alcalde de Ourense
A preguntas dos xornalistas sobre a detención do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, Paz pediu cautela e agardar a coñecer en profundidade o acontecido ao fin de facer unha valoración de maior alcance dende o BNG confiamos en que se esclareza a maior brevidade posíbel para garantir o bo funcionamento da xustiza e o dereito á presunción de inocencia.