A política contra incendios da Xunta pon en perigo vivendas en Ourense
A descordenación dos medios dos que dispón a Xunta así como a ausencia de tarefas de prevención por parte do Concello chega mesmo a poñer en perigo vivendas
Ourense, 21 de agosto de 2013. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego lamenta a situación que estamos vivindo na tarde de hoxe no entorno da nosa cidade. A concelleira Ximena González recorda como o BNG propuxo no seu día no Pleno municipal que o concello debía impulsar traballos de limpeza do entorno dos núcleos rurais para evitar o que hoxe estamos vivindo.
Lonxe disto, as brigadas para a realización de tarefas de prevención apenas levan uns días contratadas e sen teren encomendado un plan de actuación organizado nin existir ningúnha planificación das prioridades á hora de realizar eses traballos preventivos para protexer á cidadanía, enfatiza Ximena González.
Para alén diso o que está acontecendo hoxe na nosa cidade, onde se tiveron que desaloxar das súas vivendas a veciñas, pon de manifesto que os cambios introducidos pola Xunta de Galiza no dispositivo de loita contra incendios e os contínuos recortes de persoal están provocando un auténtico colapso que impide acometer a situación con garantías. Ximena González apunta ao BNG cónstalle que as brigadas da Xunta están saíndo aos incendios con 2 ou 3 efectivos no canto dos 7 cos que deberan contar, facendo que ademais de non seren efectivas se poña en perigo ás persoas que as integran.
A presenza nas zonas dos incendios tamén permitiu constatar as dificultades de coordinación do dispositivo e que é un auténtico disparate a dispersión organizativa con brigadas que dependen de 3 administracións diferentes e outras incluso de empresas privadas.
O BNG reclama que se poñan todos os medios para evitar que os incendios continúen propagándose e para que afecten a propiedades e á vida das persoas, e anuncia que nos próximos días fará unha avalición da situación para instar a adopción das medidas correctoras oportunas.
Ourense, 21 de agosto de 2013