O BNG reclama ao goberno municipal a concesión por concorrencia competitiva das axudas sociais
O Grupo Municipal do BNG acaba de rexistrar unha moción para o debate do vindeiro Pleno do Concello de Ourense no que solicita que as axudas económicas destinadas ao financiamento de actuacións de carácter social se adxudiquen mediante concorrencia competitiva, coa finalidade de que a súa concesión sexa o máis xusta posible.
Na exposición de motivos o BNG argumenta que este grupo xa manifestou publicamente o seu desacordo con este sistema de subvencións que o goberno municipal recolleu tanto no falido borrador de orzamentos que lle presentou á oposición, como na modificación orzamentaria 2P/2013 que pretende aprobar despois de decidir non presentarlle ao pleno para a súa aprobación orzamentos para este ano 2013. Ambos textos amosan a intención de manter un importante número de subvencións nominativas a colectivos sociais que desenvolven a súa actividade, fundamentalmente, no ámbito da saúde.
Cando o BNG formaba parte do goberno municipal xa estableceu nas súas áreas a concorrencia competitiva como o sistema xeral para a adxudicación de subvencións. Así é como se adxudicaron as axudas no Consello Municipal de Deportes e na Concellería de Cultura, deixando as subvencións nominativas unicamente para atender determinadas circunstancias que, en todo caso, non se manteñen no tempo.
Pero o certo é que na modificación orzamentaria que se votará no Pleno de setembro aparecen un total de 42 convenios con asociacións e institucións de distinto tipo que reflexan cantidades moi dispares, coma os 20.176,08 euros do convenio con Cáritas, os 2.259,72 euros do convenio da Asociación de Discapacitados de Ourense, pasando polos 6.000 euros do convenio co Ateneo de Ourense, ou os 12.105,65 euros do convenio coa Asociación Morea de familiares de enfermos mentais.
Ante esta aparente discrecionalidade na concesión de axudas mediante convenios específicos, o BNG reclama ao Concello que no sucesivo estas axudas se adxudiquen mediante un sistema de concorrencia competitiva no que se determinen as cantidades mediante parámetros claros e xustos, aumentando a transparencia do proceso.