Razóns ideolóxicas moven ao goberno galego a liquidar o programa Preescolar na Casa
Este luns, o candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, reuniuse con traballadores e familias do programa Preescolar na Casa para amosarlles o apoio do BNG á continuidade desta iniciativa ao tempo que verteu durísimas críticas contra a decisión da Xunta de liquidar un servizo básico para os nenos e nenas que viven no rural.
Preescolar na Casa é unha fundación que leva prestando servizo dende hai 35 anos. Foi un programa vangarda en Europa, imitado noutros países e garlardoado en varias ocasións pola súa orixinalidade. É unha modalidade educativa deseñada por e para a realidade socioeducativa galega, pioneira por terse anticipado ás leis educativas e familiares. Precisamente o seu impulso na inmersión do galego, a súa aposta pola nosa cultura e tradicións son o cerne da súa liquidación por parte do goberno galego. Afirmaba Jorquera que as razóns da Xunta de ir recortando as axudas a este programa até abocalo ao peche son razóns puramente ideolóxicas porque o Partido Popular non acredita no noso País.
No encontro tamén estaban presentes os deputados Tereixa Paz, Alfredo Suárez Canal e Carme Adán quen remarcou as palabras de Jorquera a este respecto apuntando que argumentar razóns de índole económica non era críbel cando por pór un exemplo a Fundación Camilo José Cela recebe unha subvención de 600.000 e Preescolar na Casa tivo un custe de 400.000 , sendo un programa austero que con moi poucos recursos materiais e humanos chega a moitas familias.
O deputado Franciso Jorquera manifestou tamén que se hai algo que distigue un modelo social avanzado é aquel que aposta polos sectores máis febles, os nenos, os anciáns ou os dependentes, polo que recortar en educación é recortar no futuro do País ao tempo que se atenta contra a igualdade de oportunidades entre os nenos e nenas que viven no rural fronte os que residen en zonas urbanas.
Pola súa banda, os traballadores amosaron o seu malestar polo non debate da Iniciativa Lexislativa Popular que presentaron no Parlamento Galego e na que pedían a continuidade deste programa. Segundo explicou Carme Adán, a Mesa do Parlamento puxo como escusa para non seres debatida no pleno que se vai celebrar mañá que a orde do día era moi densa, porén, parece ser que é a dunha sesión normal polo que con esta negativa estase amordazando á democracia ao non permitir que a cidadanía chegue ás institución coas súas iniciativas.
A este respecto, Alfredo Suárez Canal anunciou que o BNG ía presentar unha proposición de Lei para modificar a normativa que regula as ILPs para que unha vez presentada o seu debate se produza no prazo máximo dun mes.
As familias presentes tamén expresaron o seu pesar pola supresión de Preescolar na Casa ao tempo que se mostraron esperanzadas co compromiso de Francisco Jorquera de traballar para preservalo ou ben polo de novo en marcha nun futuro non moi lonxano.
Ademais dos parlamentares galegos tamén asistiron ao acto a tenente de alcalde de Ourense, Isabel Pérez, e os deputados provinciais, Leopoldo Rodríguez e Xan Jardón.
Ourense, 25 de xuño de 2012.