O BNG chama á mobilización fronte a desfeita do PP
Nunha comparecencia pública, o grupo municipal do BNG de Ourense, chamou a mobilización e á insumisión da cidadanía ante os recortes laborais e sociais e as medidas económicas que vai aplicar o goberno do Partido Popular.
Isabel Pérez anunciou á presentación dunha moción que será debatida no vindeiro pleno do Concello de Ourense na que se solicita, entre outras cuestións, o rexeitamento aos recortes que van supor outra volta para seguir a prexudicar aos máis desfavorecidos e aos colectivos máis afectados pola crise. Segundo a nacionalista, co pretexto da crise o Partido Popular aproveita para manter o modelo neoliberal que tenta facer pagar ás clases traballadoras a crise provocada polo capital.
Na mesma moción tamén se pide o rexeitamento ás medidas de Reforma da Lei que regula as administracións locais porque invaden competencias propias de Galiza, non solucionan a falla de financiamento dos concellos e atacan gravemente a autonomía municipal dos concellos de menos de 20.000 habitantes potenciando no seu canto ás deputacións provinciais.
Isabel Pérez manifestou que o BNG avoga por suprimir as deputacións para que os concellos poidan dispor de máis fondos para atender directamente os servizos que prestan e tamén para que as políticas locais se coordinen a nivel galego a fin de garantir un acceso equitativo en todo o país. Neste punto, a voceira municipal incidía no partidario desta medida dado que aumentando o poder das Deputacións o Partido Popular mantén o seu tradicional graneiro de votos.
Ante a proposta do PP de eliminar concelleiras e concelleiros, Isabel Pérez afirmou que o que en realidade agocha é unha tentativa de eliminar o pluralismo político impedindo que forzas alternativas teñan voz e capacidade de decisión nos gobernos locais.
O grupo nacionalista tamén manifestou a súa oposición a cargar sobre as funcionarias e funcionarios públicos a crise económica mais tamén sobre a cidadanía en xeral coa suba do IVE ou co recorte nas prestacións por desemprego medidas que conlevarán unha reducción da capacidade adquisitiva e unha caída no consumo que prexudicará gravemente a actividade económica e o comercio local de Ourense.
Por último, a tenente de alcalde, anunciou a participación do BNG na manifestación que vai ter lugar mañá xoves en Ourense, manifestación que saírá ás 20:00 horas do Pavillón e que está convocada por todas as centrais sindicais.
Ourense, 19 de xullo de 2012