«O presidente ausente», artigo de Tereixa Paz
Alberto Núñez Feijóo sempre foi un presidente ausente. Até estivo ausente na decisión de disolver o Parlamento e convocarnos ás urnas. Feijóo estaba ausente cando Patxi López lle puxo data ás eleccións. Sabíamos que como lehendakari era o único competente para convocar eleccións en Euskadi, o que ignorábamos era que tamén había decidir sobre os comicios en Galiza.
Tamén estivo ausente dos problemas de Galiza esta última fin de semana. Por certo igual que o resto dos tres anos e medio do seu mandato. Tres anos e medio nos que a súa única ocupación e preocupación foi a de ser un bo mandado de Rajoy e do Partido Popular de Madrid. De aí que a ninguén nos sorprenda que a súa última ausencia fose para ir recibir a reprimenda de Rajoy por titubear co adianto electoral. El, sempre ben guiado cando se trata de poñer os intereses de Galiza ao servizo do partido, non tardou en dar conta do recado. O presidente ausente estampou a súa sinatura no DOG, a data púxoa López, a decisión tomouna Rajoy.
Porén, por unha vez, e temo que non sentará precedente, Feijóo acertou cando xustificou o adianto como unha decisión responsábel. Concordo en que é responsábel porlle fin ao peor goberno que tivo Galiza. O goberno que coa promesa de rematar coa crise e co paro en corenta cinco días, ten no seu haber cifras históricas de desemprego, que medrou no noso país por riba da media estatal. Por iso, é boa noticia que o Presidente Ausente recoñeza a súa falta de proxecto e a súa incapacidade de facer fronte aos problemas das galegas e dos galegos.
O Presidente Ausente e o seu goberno foron especialmente invisíbeis en Ourense. Logo de tres anos e medio de mandato non poden presentarnos nin unha soa actuación iniciada ou rematada nesta lexislatura en Ourense. Nin un só centro de saúde iniciado nin rematado. Nin unha soa escola infantil, instituto ou colexio novos; si un longo regueiro de unidades escolares suprimidas e colexios rurais pechados. Malia a gran cantidade de maiores e dependentes agardando praza nun centro de día ou residencial, nin unha infraestrutura nova. Non lle importou ao Presidente Ausente ter durante case tres anos centros de día rematados e pechados á espera da súa apertura convenientemente privatizados a mans de intereses amigos.
Os investimentos en infraestruturas, en desenvolvemento e en dinamización económica consistiron en invocar a pantasma do Impulsa Ourense. Unha pantasma esquiva que non se manifestou en forma de fábrica de coches eléctricos que ían circular a milleiros por estradas galegas manufacturados por centos de mozas e mozos ourensáns nun lugar nunca definido. Non se manifestou en actuacións no sector primario nin en apoio a iniciativas de transformación dos nosos produtos. Tampouco pareceu ser do interese da pantasma o desenvolvemento do potencial termal ou forestal.
Ourense é a metáfora do Presidente e do Goberno. Cando queda ao descuberto, cando cae a saba que cobre a pantasma, só queda nada. Ausencia.
Publicado no xornal La Región