350 alumn@s da Escola de Música non poderán iniciar as clases pola incompetente xestión de Persoal
Logo de que a concelleira de Educación, Ana Garrido, lles tivera garantido ás familias que neste curso sí se impartiría a disciplina de violín e logo de que as familias tiveran pagado a matrícula, onte comunícanlles que non se poderán dar as clases porque non hai profesor-a nin posibilidade de contratalo-a.
A resposta do claustro da Escola Municipal de Música, dadas as dificultades para reaxustar os posibles horarios e prazas de especialidades instrumentais foi aprazar o comezo do curso, que estaba previsto para hoxe, día 1 de outubro. Co cal son case 350 nenos e nenas as que non poderán, de momento, asistir as aulas pola actuación difícil de xustificar do equipo de goberno.
O BNG xa denunciara problemas con esta especialidade no pasado mes de maio cando se lles dixo as-os alumnas-os que non podían matricularse porque o Concello ía suprimir esta especialidade. As protestas das familias fixeron mudar a decisión do goberno que acordou manter as clases deste instrumento.
Os nacionalistas presentarán unha moción no pleno do venres pedindo a continuidade de violín, sin o cal tampouco podería continuar a orquestra da Escola e algúns combos musicais, o que suporía unha importante merma nas horas e na calidade das clases que recebe o alumnado.
O BNG cualifica de demenciais os argumentos de Ana Garrido que lles dixo que as-os alumnas-os de violín se integraran noutras asignaturas, algo que a estas alturas non é factíbel porque as prazas están completas e o alumnado que xa leva anos quere seguir co instrumento no que se iniciou e que xa mercou.
O portavoz do BNG, Xosé Somoza, afirma que dende o principio lles mentiron ás familias porque o proceso de contratación tiña que terse iniciado hai dous meses co cal non vale agora pór esta escusa.
A política de persoal que se segue dende o equipo de goberno do PSOE é un despropósito que prexudica gravemente aos servizos que presta este concello.