Actos abertos c@s veciñ@s para falar da situación municipal en Ourense
O BNG reedita na cidade de Ourense o proceso aberto e participativo que levou adiante para a elaboración do programa eleitoral co que concurriu ás elecións municipais de 2011, agora enfocado á participación das veciñas e veciños de Ourense nas políticas municipais, nomeadamente os orzamentos.
Con cinco actos abertos na cidade o BNG trasladará ás veciñas e veciños as súas propostas de futuro para Ourense e escoitará a opinión das veciñas sobre a situación municipal. O BNG reunirase no Coutro, As Lagoas, A Ponte e o centro nos primeiros actos dunha campaña que terá continuidade ao longo do que resta de mandato.
As nacionalistas queren explicarlle en primeira persoa ás veciñas e veciños de Ourense a posición que o BNG mantén no Concello de Ourense en relación ao goberno da cidade cos numerosos exemplos de propostas desatendidas ou de políticas aplicadas polo goberno e que o BNG non considera dunha forza de esquerdas.
O BNG presentou tamén unha páxina (www.ofuturoquequeremosparaourense.org) a través da que se pode participar e respostar ao cuestionario que se repartirá pola cidade na que se pide unha valoración da situación da cidade, a opinión da cidadanía sobre as prioridades e os problemas urxentes e unha valoración das actuacións dos grupos políticos do concello,
Na presentación as concelleiras nacionalistas sinalaron a necesidade de apostar pola participación e por un diálogo directo coa cidadanía que permita trasladar as propostas do BNG e pór en común as preocupacións reais da cidadanía: desemprego, economía local, emerxencia social, desafiuzamentos, perda de servizos públicos, e romper coas prácticas políticas dos outros grupos instalados na guerra mediática e empeñados en non falar dos problemas reais da cidadanía.
Estes son os actos abertos que se celebrarán nos próximos días:
Sociedade Cultural Albor, Xoves 20 ás 20.30h (rúa Greco nº 7)
A.VV Portovello-As Lagoas, Martes 25 ás 20.30h (Centro Comercial As Lagoas, Local 12)
Limiar, Venres 28 ás 20.00h (rúa Concordia 5-7 entrechán)
A Troia. Martes, 2 ás 20.30h (Ribeira de Canedo 2)
Agrupación Miño. xoves, 4 ás 20.30h (rúa Doutor Marañón 6)