O BNG pide o apoio das institucións ás reivindicacións da comunidade LGBT
O grupo municipal do BNG demándalle ao alcalde de Santiago que faga ondear a bandeira multicolor do movemento LGBT o vindeiro 28 de xuño nun lugar visíbel e emblemático das instalacións municipais, como mostra de apoio á loita social que reivindica a dignidade e a igualdade das persoas, sexa cal for a súa orientación ou identidade afectivo sexual.
Para o BNG, que con motivo do Día internacional polos dereitos das persoas lésbicas, gais, bisexuais e transexuais, é preciso que as institucións democráticas manifesten o seu apoio ás reivindicacións da comunidade LGBT. O apoio social e institucional ao recoñecemento que propón este movemento debe ser máis forte aínda no actual contexto particular, cunha profunda involución democrática e co ataque constante por parte dos gobernos do PP aos dereitos conseguidos tras décadas de loita.
Cómpre tamén manifestar a necesidade de actuar a medio e longo prazo a través dun ensino laico no combate contra a discriminación por orientación ou identidade sexual que proclama, fundamentalmente, a Igrexa católica, reforzada nas últimas leis aprobadas polo PP. O BNG considera, neste sentido, o retroceso que pode supor a LOMCE, unha lei totalmente confesional que reforza de maneira escandalosa a presenza da relixión no ensino.
O BNG solicita tamén do goberno adoptar medidas activas que persigan a fin da discriminación pola orientación sexual, cos obxectivos de educación na igualdade e no respecto e a posta en valor da diversidade, no apoio as persoas vítimas de discriminación, na colaboración coas asociacións LGBT, co obxectivo de conseguir unha sociedade máis xusta, baseada no respecto e na igualdade de todas as persoas.
O BNG tamén demandará do Goberno da Xunta a promover un ensino laico e de calidade que facilite un contorno seguro en que os fillos e as fillas de parellas homoparentais poidan viviren a súa realidade familiar, incidindo no respecto á diversidade dende o ensino público, ademais de manifestar o compromiso de contribuír á integración e á normalización da comunidade LGBT, para garantir o dereito de todas as persoas a seren tratadas con respecto independentemente da súa orientación ou identidade sexuais.