O Festival de Cine sen orzamento para a edición 2013
O grupo municipal do BNG vén de coñecer na xunta de área de Cultura que o Festival de Cine de Ourense non ten orzamento para a edición do 2013.
Segundo informou a responsábel de Cultura, Ana Garrido, a partida orzamentaria que aparece na previsión das contas para este ano co epígrafe Festival de Cine vaise destinar á liquidación do Consorcio e para financiar o certame sacaranse os cartos doutros capítulos.
A concelleira nacionalista, Susana García, critica esta falta de previsión do goberno socialista que xa sabía, cando se elaboraron os orzamentos, que había que liquidar o consorcio.
Para o BNG a política cultural municipal no só debe concebirse como un labor de difusión senón como un conxunto no que debe ter cabida o apoio á creación, á investigación e a producción propia en relación co que somos como nación e como pobo.
Así os nacionalistas valoran a importancia do OUFF como punto de encontro do sector facendo deste festival un lugar de referencia a nivel internacional baixo a premisa fundamental de promoción do audiovisual galego. Esta aposta queda agora no aire ao non ter orzamento concreto para esta edición.