O alcalde debe rectificar o nomeamento de Carmen Dacosta como coordenadora de grupo
O BNG pedirá no vindeiro pleno que o alcalde de Ourense anule o decreto polo que nomeou a Carme Rodríguez Dacosta coordenadora de grupo político.
Segundo manifestaba o portavoz nacionalista, Xosé Somoza, é pouco ético que o rexedor se salte os procedementos -teñen previsto nomeala directora xeral- para que esta persoa teña continuidade laboral.
A sinatura do decreto producíase o mesmo día no que se facía efectiva a sentenza do Tribunal Constitucional que declaraba nulos os nomeamentos como membros dos grupos de goberno local aos concelleiros e concelleiras non elect@s.
Malia ser pouco ético é tamén ilegal porque persoal eventual non pode ter competencias en ningunha área de goberno, neste caso persoal e policía local, como así afirmou o alcalde na súas declaracións.
Xosé Somoza reiteraba que o goberno local está situado nun posicionamento errático e que non é quen de escoitar ás forzas sindicais, á oposición, a membros do seu propio grupo e á cidadanía, contrarios todos eles a esta manobra. O grupo de goberno volve crear un problema onde tiña que dar solucións, engadiu o portavoz do grupo municipal do BNG que califiou de 'manobra' este nomeamento que as nacionalistas piden que se anule.
Pola súa banda, a concelleira Ximena González criticou ao PSOE por non ser capaz de dar pasos que faciliten a gobernabilidade desta cidade. Manifestou que o BNG ten autonomía para decidir sobre o que é mellor para Ourense e que o grupo municipal nacionalista cando vota faino para apoiar políticas que favorezan á cidadanía, nunca para prestar apoio a grupos de goberno.