O BNG urxe a limpeza dos camiños nas parroquias de Barbadás
O Grupo Municipal do BNG de Barbadás solicitou ao concello que se acometa coa maior brevidade posíbel a limpeza dos camiños nas diferentes parroquias do concello.
O BNG urxe a súa limpeza non só por unha cuestión estética senón de seguridade vial. Nalgúns camiños os vehículos teñen o espazo xusto para pasar e si se atopan con algún viandante, éstes non teñen para onde apartar porque os arcéns están invadidos pola maleza.
Os veciños e veciñas dos pobos teñen chamado ao concello en varias ocasións e tamén as AAVV se teñen posto en contacto coa concelleira responsábel da área, porén a situación segue emperorando tendo en conta a climatoloxía dos últimos días.
O concello de Barbadás conta cunha máquina desbrozadora que debería estar realizando traballos de desbroce dende hai varios meses. Porén, a maleza segue invadindo os espazos públicos de todo o municipio.
Os nacionalistas esixen que dende o grupo de goberno se leven a cabo as xestións necesarias para dar solución a este problema. O PP de Barbadás ten que cumprir coas súas obrigas, limpar os espazos públicos e as franxas de protección dos núcleos de vivendas para evitar os incendios. De non ser así con qué lexitimidade lle vai exixir aos veciños e veciñas do concello a limpeza das súas fincas?