O Sen Batuta perde esencia ao mudar o escenario e limitar os concertos didácticos
O escenario tamén forma parte do enorme éxito que tivo o ciclo de música de cámara Sen Batuta que hai cinco anos puxera o marcha o BNG. Por iso, dende a formación nacionalista non nos vale o argumento dado dende o grupo de goberno que acordou trasladar a actividade dende o Paraninfo do Otero Pedrayo ao Teatro Principal aducindo razóns económicas.
A crítica que fai o BNG é a mesma que motivou a marcha do responsábel da organización deste ciclo, Cibrán Sierra, quen considerou que as instalacións do Teatro Principal non reúnen as características idóneas para este tipo de concertos.
Ademais do emprazamento, outra das novidades que aportaba o Sen Batuta eran os concertos didácticos aos que tiña acceso toda a cidadanía que, en palabras da concelleira Susana García, motivaba o achegamento deste tipo de música a todos os públicos. Nesta edición, os concertos didácticos dos músicos invitados-as fanse no conservatorio, exclusivamente para o seu alumnado.
Segundo Susana García, dá a impresión de que o PSOE se empeña en ir borrando o paso do BNG polo goberno municipal, incluso en actividades que tiveron un éxito unánime, entre o público e os medios especializados, así como loanzas por parte dos grupos da oposición, como foi o Sen Batuta.
Asemade, ao precindir do coordinador do evento, Cibrán Sierra, para a organización do ciclo, pérdese para a cidade a oportunidade de que veñan a Ourense intérpretes de talla internacional que, doutro xeito, nunca incluirían a nosa cidade no seu circuíto de actuacións.