O BNG propón maior progresividade no pagamento dos impostos e taxas municipais
Coa premisa de que en tempos de crise cómpre máis ca nunca a redistribución da riqueza, o BNG considera que é o momento de abrir o debate sobre determinadas ordenanzas que o equipo de goberno non quere modificar.
Para o voceiro nacionalista, Xosé Somoza, e seguindo o discurso ideolóxico da fronte, é de xustiza que paguen máis os que máis teñen mentres que as persoas con menos recursos deben contar con mecanismos de axuda á hora de pagar impostos e taxas que lles permitan afrontar esta difícil situación.
Neste criterio de progresividade, que como apuntaba a concelleira Susana García debería defender un goberno que se considera de esquerdas, o BNG céntrase nesta proposta nos impostos e taxas que teñen maior incidencia na cidadanía.
No Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) os nacionalistas propoñen, máis unha vez, que a igrexa católica faga o pagamento sobre aqueles bens que non están exceptuados no Concordato coa Santa Sede -por exemplo o Seminario, que nestes momentos está albergando un xeriátrico-. Asemade, que o goberno español compense ao Concello polo que deixa de ingresar por este convenio coa igrexa.
O BNG tamén pretende que se exerza máis presión fiscal sobre aqueles-as propietarios-as que teñen segundas ou terceiras vivendas desocupadas con carácter permanente. Neste caso, estes inmóbeis terán un recargo sobre a cota líquida do imposto dun 50%.
Paralelamente a estes incrementos, Susana García anunciou a proposta de estabelecer facilidades de pago do IBI para aquelas familias que teñan a todos os seus membros no paro. O BNG propón que se lles fraccionen os pagamentos sen aplicarlle os xuros así como unha bonificación do 5% no caso de domiciliación -neste momento permítese o fraccionamento en dous pagos e a domiciliación o 1%-.
Por outra banda, se hai un colectivo afectado pola crise son os-as desafiuzados-as, e neste neste caso, o BNG propón que se evite o pagamento do imposto de plusvalías ás persoas afectadas por procesos de execución hipotecaria e dación do inmóbel en pago da vivenda única e habitual.
A repecto do pagamento dos prezos públicos polo uso das escolas municipais, Susana García manifestou que era imprescindíbel que o nível de renda estaea graduado de maneira que as persoas con rendas máis baixas que solicitan estes servizos se vexan claramente beneficiadas no baremo empregado.
Por último, a moción nacionalista inclúe que queden exentos de pago aqueles suxeitos que teñen propiedades rústicas ou urbanas cuxa cota líquida non supere os 20 e que no caso do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) se lle aplique a actualización do IPC, tendo en conta que soamente están suxeitas ao seu pagamento as sociedades cuxo volume de negocio neto sexa de un millón de euros ou máis.