O BNG acusa á Xunta do PP de dinamitar a sanidade ourensá eliminando a Unidade Post-Covid

Noa Presas, deputada do BNG
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

Noa Presas lamenta que a Xunta ignore ás persoas enfermas e ás case 2.000 sinaturas que pedían o reforzo e mantemento da Unidade e avanza que o BNG volverá insistir no Parlamento nunha atención integral e coordinada

O BNG acusa á Xunta do PP de dinamitar a sanidade ourensá eliminando a Unidade Post-Covid

Ourense, 15 de xaneiro de 2026. Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense no Pazo do Hórreo, sumouse á condena expresada pola Asociación de persoas enfermas de COVID persistente de Ourense que veñen de denunciar o peche definitivo do que foi a Unidade Multidisciplinar Post-COVID, sen información previa nin comunicación oficial por parte da Xerencia e sen derivación formal ao seguimento sanitario ou de enfermaría en Atención Primaria, malia a recollida no ano 2025 de case 2.000 sinaturas reclamando o seu mantemento e reforzo.

Para o BNG isto “confirma a estratexia da Xunta do PP de dinamitar a sanidade ourensá. Ao mesmo tempo que hai un colapso absoluto nas Urxencias, 80 camas menos e avarías constantes, vemos como a Xunta aproveita para eliminar sen explicacións e sen diálogo coas persoas afectadas, unha unidade que era necesaria e sen buscar unha alternativa de coordinación interna para garantir que as e os doentes son atendidos, senón que os abandona absolutamente”.

Presas sinala que “Cómpre lembrar que tal e como recordan as e os afectados, esta Unidade Multidisciplinar Post-Covid atendía as persoas que quedaron con secuelas graves na fase aguda das primeiras ondas da pandemia do Covid19 e tamén a aquelas diagnosticadas de Covid Persistente. Porén no 2024 a Xerencia comezou o seu desmantelamento ao non cubrir as baixas, no ano 2025 houbo numerosas protestas e recollidas de sinaturas e agora pretende culminar co peche, desta forma o SERGAS abandona definitivamente aos centos de pacientes vítimas da Covid para unha poboación de máis de 300.000 persoas se temos en conta as derivacións dos hospitais comarcais ao centro de referencia.”

Para a formación nacionalista “as desculpas do SERGAS son falsas e hoxe non hai garantida unha forma alternativa para axilizar o tratamento das persoas afectas e para garantir unha atención sanitaria integral e en equipo que poida blindar unha atención de forma coordinada e integral tendo en conta a complexidade da realidade destes doentes”.

Diante desta situación, o BNG volverá demandar no Parlamento que a Xunta garanta unha atención rápida, integral e multidisciplinar para as e os doentes de Covid persistente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras de forma que permita o diagnóstico e o acompañamento e tratamento do seu proceso de recuperación, acordando co persoal sanitario e cos colectivos de doentes a reorganización do servizo que viña prestando a unidade específica, dando prevalencia á súa recuperación e non suprimindo persoal nin servizos.


 

O BNG acusa á Xunta do PP de dinamitar a sanidade ourensá eliminando a Unidade Post-Covid