O BNG pide explicacións pola nova avaría no edificio Cristal do CHUO e insiste en auditar as instalacións
A deputada Noa Presas afirma que “non é normal que cada dous por tres haxa avarías deste tipo, despois do gran rebentón de abril e dos derrubamentos do materno” e pide “unha auditoría das instalacións sanitarias” . O BNG recorda que “a Xunta do PP segue ocultando os informes do Materno”
Ourense, 12 de xaneiro de 2026. Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego exixindo transparencia e explicacións sobre a nova avaría rexistrada na mañá de hoxe na 3ª planta de cardioloxía do Edificio Cristal. Para a deputada “é escandaloso que como se non fora suficiente o colapso de Urxencias e a falta de camas nesta primeira quincena de xaneiro, na que non está habendo capacidade suficiente para atender a incidencia de enfermidades respiratorias, o Hospital de Ourense volva ser protagonista da actualidade por outro rebentón de tubaxes que afortunadamente non supuxo danos persoais”.
A deputada lembra que “a constante sucesión de incidencias deste tipo, como o rebentón do mes de abril e as incidencias que tiveron que levar ao peche do Materno, provocan unha enorme inseguridade na cidadanía polo que desde o Grupo Parlamentar do BNG insistimos en que se faga unha auditoría independente sobre o estado das instalacións do Complexo Hospitalario e pedimos explicacións concretas sobre esta última avaría”.
Así mesmo, Presas afirma que “desde o BNG insistimos en ter acceso aos informes que recomendaron derrubar o Hospital materno infantil xa que a día de hoxe, case un ano despois da crise dos derrubamentos, esa información é ocultada á cidadanía ao tempo que non hai avances no novo edificio de hospitalización que debía levar un ano rematado”.
Noa Presas recorda que o acontecido hoxe é “outra vez a imaxe da precariedade da situación da Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis propia dunhas instalacións de posguerra que do século XXI, porque non é a primeira vez que acontece”.