O BNG advirte do desmantelamento paulatino por parte do Concello do programa Educocio, carecendo a día de hoxe de programación e de “perspectivas de continuidade”
Desde o BNG denuncian que “co comezo de curso xa se tiñan que ter posto a andar as actividades deste programa que permite abrir once centros educativos polas tardes para que as crianzas poidan asistir ás mesmas, facilitando a conciliación familiar”
Ourense, 22 de setembro de 2023. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense ven de manifestar a súa disconformidade ante a falta de planificación e de previsión do programa Educocio do Concello que, “con meses de funcionamento demostrou ser un éxito e que agora adoece de estar paralizado no comezo de curso”.
A Concelleira Rhut Reza lembra que xa no seu momento “o BNG advertiu que esta era unha medida electoralista do actual Alcalde, que pretendía demostrar que facía tamén actividades para solventar o desmantelamento en Áreas como Educación e conciliación”, e engade, “a día de hoxe os e as conserxes dos colexios que participan do programa non saben cal vai ser o futuro do mesmo”.
“Os colexios están abrindo desde o comezo de curso polas tardes como estaba previsto, mais desde o propio Concello isto non foi anunciado, así como tampouco o foron as actividades que se desenvolverán durante este curso porque aínda non están planificadas”.
A Concelleira Erea Blanco pregúntase se o Goberno municipal e, nomeadamente o Alcalde, “teñen pensado dar continuidade a este programa e dotalo de contido ou se, pola contra, teñen pensado deixalo morrer como fixeron con tantos outros”.
Segundo a Concelleira Blanco, “as familias non poden estar eternamente esperando para planificar as súas propias vidas e a conciliación polo vento que sopre no Concello de Ourense, é un programa que en poucos meses se converteu en fundamental para o Concello e se agora se quere desfacer haberá que dar explicacións á veciñanza”.
Desde o Grupo municipal do BNG instan ao Goberno Local a “recapacitar” e a manter o programa Educocio, “dotándoo de contido e dos recursos necesarios para o seu bo funcionamento”.