O BNG advirte que o pagamento de facturas de luz e gas no Pavillón dos Remedios por importe de preto de 110.000 euros “faise sen contrato e vulnerando a lei”

Luís Seara, Portavoz municipal do BNG

Desde a formación nacionalista denuncian que a día de hoxe o Consello Municipal de Deportes non ten asinado contrato de subministro eléctrico con ninguha empresa suministradora o que está a ter unha enorme repercusión no importe das facturas “nas que mesmo se duplica o custe derivado do contrato expirado”

O BNG advirte que o pagamento de facturas de luz e gas no Pavillón dos Remedios por importe de preto de 110.000 euros “faise sen contrato e vulnerando a lei”

Ourense, 21 de setembro de 2023. O pasado 10 de abril expirou o contrato que o Consello Municipal de deportes (CMD) tiña asinado cunha empresa para a subministración de enerxía eléctrica e baseado no acordo marco para a contratación de electricidade en alta e baixa tensión a través da Central de Contratación da FEMP.

Desde entón, o feito de non ter contrato en vigor con ningunha compañía comercializadora no mercado libre, para o que se tería que ter tramitado unha licitación pública, fai que actualmente sexa a compañía comercializadora de referencia no mercado regulado a que estea prestando o servizo e emitindo as correspondentes facturas.

Desde o BNG, o seu Portavoz municipal e representante no Consello Reitor do CMD Luís Seara, advirte que “tal e como sinalan os técnicos nos seus informes, nas facturas aplícase unha recarga do 20%, producíndose un enorme incremento nas mesmas chegando mesmo a duplicar o custo das facturas amparadas no seu día polo contrato marco”.

Luís Seara advertiu na reunión semanal do CMD na que se aprobou o pagamento de facturas por subministro eléctrico e gas e correspondentes aos meses de abril, xuño e xullo por un importe total de 109.562,64 euros, de que “estamos nunha situación anómala e que tal e como sinalan os técnicos encargados da fiscalización dos expedientes, contravén a propia Lei de contratos pois polos importes das facturas e ao ser o mesmo obxecto contractual, é preciso sacar a licitación dito servizo”.

Ao tempo, Seara puxo de manifesto unha vez máis o desgoberno e o desinterese do actual Executivo local polo público. “Ao Goberno Jácome dalle igual ter que pagar oito que oitenta”, e engade, “é inadmisible que sabendo que o contrato finalizaba en abril, non se iniciara previamente o procedemento preciso para a contratación dunha nova empresa subministradora que evitara ter que pagar agora estes sobrecustes”.

O BNG reclama que se adopten as medidas que sexan necesarias para regularizar a situación, algo que tamén reclaman os técnicos, así como que se leve a cabo un estudo pormenorizado do estado no que se atopan todas as instalacións dependentes do CMD co obxectivo de “poder implementar medidas de eficiencia enerxética que contribúan a reducir as facturas que o Concello ten que abonar cada mes”.

Á vista dos feitos, e tendo en conta que non é algo puntual, o BNG anuncia que dará traslado ao Consello de Conta para que “analice se ademais dunha inrregulariedade administrativa, esta cuestión puidera ser constitutiva de ilícito penal”.

O BNG advirte que o pagamento de facturas de luz e gas no Pavillón dos Remedios por importe de preto de 110.000 euros “faise sen contrato e vulnerando a lei”