O BNG denuncia o desinterese e a desidia do Goberno Local coa Praza de Abastos nº 1 á hora de afrontar o traslado das paraceiras e praceiros

IMG_6954
Praza de abastos nº 1 de Ourense

O Grupo municipal do BNG pídelle ao Goberno Local que clarifique cal é a “folla de ruta” e os traballos para a elaboración do Plan funcional que permita redistribuir e reordenar os espazos interiores, paso previo ao traslado das praceiras e praceiros

O BNG denuncia o desinterese e a desidia do Goberno Local coa Praza de Abastos nº 1 á hora de afrontar o traslado das paraceiras e praceiros

Ourense, 25 de setembro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense trasladouse esta mañá ás inmediacións da Praza de Abastos nº 1 para denunciar a situación na que se atopa actualmente o edificio e denunciar a paralización, desde hai case un ano, das obras que nel se estaban a executar.

Segundo denuncia o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, “desde hai aproximadamente un ano, non se está a realizar ningún tipo de actuación no edificio da Praza de Abastos e descoñecemos os motivos xa que o Goberno Local, como é costume, non ofrece ningún tipo de información ao respecto”.

Para Luís Seara “a desidia e o desinterese do Goberno cun proxecto que ao noso entender é estratéxico desde o punto de vista do desenvolvemento socio-económico do Concello é intolerable”, e engade, “é inadmisible que a contorna das Burgas, centro neurálxico desde o punto de vista turístico, tal e como podemos aprezar todos os días con centos e centos de persoas que visitan a fonte, se atope no estado de abandono e degradación no que está”.

Desde o BNG reclaman coñecer cal é a folla de ruta prevista por parte do Executivo local para coa Praza de Abastos nº 1 xa que “cómpre pórse a traballar na elaboración do Plan funcional que posibilite a volta das praceiras e dos praceiros o máis axiña posible. Non queremos que a Praza de Abastos nº 1, na que se investiron preto de 5 millóns de euros, se convirta nunha segunda Paza de Abastos da Ponte”.

Seara volve reivindicar a importancia das obras executadas e a necesidade de reurbanizar toda a contorna, incluído o rianxo, para facilitar a mobilidade e o acceso á propia Praza de Abastos e lembra que, “ao longo de todo o anterior mandato, desde o BNG presentamos múltiples iniciativas encamiñadas a executar as obras de humanización da contorna da Praza ao tempo que se executaban as do edificio mais o certo é que nada se fixo e moito nos tememos que nada se vai facer”.

O Portavoz do Grupo municipal ten claro que “para Jácome a Praza de Abastos nunca foi unha prioridade e polo que se ve nunca o vai ser, mais un alcalde non pode operar deste xeito, ten que atender a todas as necesidades existentes e por iso reclamámoslle que se centre no verdadeiramente importante, deixe de andar cronometrando as entradas e saídas dos funcionarios e se poña a traballar para sacar adiante os grandes proxectos que o Concello de Ourense precisa e o da Praza de Abastos sen dúbida que o é”.

O BNG denuncia o desinterese e a desidia do Goberno Local coa Praza de Abastos nº 1 á hora de afrontar o traslado das paraceiras e praceiros