O BNG advirte que “o Consello Municipal de Deportes non está para pagar os caprichos de ninguén”
A formación nacionalista amósase contraria á sinatura dun convenio por valor de 15.000 euros coa Federación Galega de Automobilismo para unha simple proba de exhibición
O BNG lémbralle a Jácome o mantra que leva anos repetindo até a saciedade cando de cultura se trata para que o aplique nesta ocasión, “quen queira caprichos que os pague”
Ourense, 28 de outubro de 2022. O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense debateu na súa reunión deste xoves e por segunda vez, sobre a proposta feita desde a presidencia da sinatura dun convenio coa Federación Galega de Automobilismo para a celebración do denominado “1º Máster Internacional Carcross Excmo. Concello de Ourense”.
O debate deste punto da orde do día xa foi adiado a semana pasada e a petición do BNG ante as dúbidas que o mesmo xeraba e para poder avalialo polo miúdo ao ter aceso ao borrador do convenio minutos antes da reunión.
Para o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara e ao tempo representante nacionalista no Consello Reitor do CMD, “é unha brincadeira que no convenio se diga que esta proba declárase de interese público”, e engade, “o que si temos claro é que trátase, en todo caso, dunha proba de interese persoal e non dun, senón de varios”.
En relación coas partes conveniantes, desde o BNG sinalan que “entendemos que o Goberno Local é consciente da situación administrativa e mesmo xudicial na que se atopa o actual presidente da Federación e en torno ao cal pesa unha proposta de inhabilitación por parte do Comite Galego de Xustiza Deportiva”.
No tocante á cantidade de 15.000 euros, desde a formación nacionalista entenden que é excesiva e que non se xustifica para o tipo de proba que é xa que estamos diante dunha mera exhibición, a cal, “non está homologada, non é puntuable nin conta cun regulamento e moito menos é de carácter internacional por moito que veñan vellas glorias a divertirse a Castro de Beiro e a gastos pagos”.
Luís Seara basea os seus argumentos no feito de que “se comparamos con outras probas como pode ser o rally Ribeira Sacra, puntuable para o Campionato galego e que ten nun dos seus tramos Castro de Beiro, a aportación do CMD en xuño de 2022 foi de 4.900 euros”.
Igualmente Seara sinala que “a subida á Saleta, unha proba similar a do convenio pero puntuable para o Campionato galego recibe por parte do Concello do Carballiño 8.000 euros e a subida a Vilar de Barrio, proba puntuable para o Campionato de España, recibe do Concello 0 euros, quen si promove aportacións doutras institucións e de entidades patrocinadoras”.
Para os nacionalistas, resulta alarmante que o pretendido Carcross, se faga coincidir o mesmo día no que se celebra unha proba puntuable para o Campionato de España en Vilar de Barrio, algo que para Luís Seara, “é inadmisible”.
O BNG teno claro, “o que acontece no CMD é un escándalo, abriuse a billa dos cartos para repartir discrecionalmente as axudas, algo duramente cuestionado por Jácome cando estaba na oposición e que agora emprega sen pudor algún e o exemplo do disparate témolo coa atleta africana da popular do San Martiño, a cal aínda non cobrou”.
Segundo o BNG, o alcalde contradise unha vez máis e lémbranlle aquilo que repite coma un mantra cando de cultura se fala de que “quen queira capichos que os pague” ao tempo que se preguntan, “¿terá que ver esta subvención co feito de que se van celebrar eleccións á Federación Galega de Automobilismo en vindeiras datas?”.