O BNG presenta recurso de reposición ante a Xunta de Goberno Local pola licenza concedida para a construción dun tanatorio na zona da Chavasqueira
Logo de ter revisado pormenorizadamente o expediente e de ter realizado consultas técnicas e xurídicas, os nacionalistas entenden que a licenza é nula de pleno dereito ao non ter en conta as prohibicións que para esa parcela, encadrada no SU-31, establece o anexo de usos do PXOM de 1986 e vixente na actualidade
Ourense, 27 de outubro de 2022. O pasado 29 de setembro de 2022 na súa reunión ordinaria, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, concedía Licenza de obra e de actividade para proxecto básico e de execución de construción de Tanatorio na rúa do Tinteiro número 2, expediente da Sección de Licenzas Urbanísticas 2019002820 a ALBIA GESTION DE SERVICIO, S.L. e ante a cal, o Grupo municipal do BNG ven de presentar recurso de reposición en base ás seguintes alegacións.
Primeira.- O lugar onde se pretende situar o tanatorio para o que foi concedida a licenza encádrase no PXOM de Ourense dentro do sector urbano 31 (SU-31). Sinala o PXOM, en canto ás condicións de uso para este sector que as mesmas se axustarán ao cadro de usos permitidos e prohibidos que figuren no anexo correspondente.
No que respecta ás condicións de uso deste sector 31 reguladas no apartado 3.2 da normativa establécense como usos prohibidos o funerario nas categorías 2ª, 3ª, 4ª, 5ª e 6ª, é dicir, só estaría permitido a categoría 1ª correspondente a velorio.
Segunda.- Sinálase nos informes técnicos para a concesión da licenza que o edificio sitúase en solo urbano con cualificación urbano industrial, séndolle de aplicación a ordenanza 13ª, onde figuran como usos compatibles o funerario en todas as categorías, incluída en edificio exclusivo, excluído o cemiterio. No entanto nada se menciona ao respecto do manifestado nestas alegacións no punto primeiro.
Ademais o PXOM, no seu capítulo IV establece en relación coas ordenanzas, que as condicións que se expresan en cada unha destas ordenanzas teñen carácter supletorio respecto ás determinacións que conteñen as normativas particulares de cada unha das zonas.
Terceira.- Establecido o anterior, o solo onde se pretende situar o tanatorio na súa regulación establece a prohibición de destinalo a tanatorio, no entanto os informes técnicos nada mencionan a este respecto, acudindo á ordenanza onde si se permitiría o uso para tanatorio, pero sendo esta regulación segundo o propio PXOM de carácter supletorio, polo que existindo unha prohibición na norma principal, a licenza outorgada é nula de pleno dereito ao contravir a regulación establecida no PXOM.
Cuarta.- Como xa se dixo na alegación anterior, os informes técnicos nada mencionan ao respecto do exposto nestas alegacións, polo que non se resolve adecuadamente a concesión de licenza.
Polo exposto con anterioridade, desde o BNG solicitan que, e en base as alegacións expostas, sexa ditada resolución pola que se declare a licenza concedida para proxecto básico e de execución de construción de tanatorio na rúa do Tinteiro 2, nula de pleno dereito ao non axustarse ao establecido no PXOM.
Ao tempo, desde o BNG, anuncian que levarán esta cuestión ao Pleno de novembro, previsto para o vindeiro venres día catro, no que solicitarán:
1. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a realizar as consultas que sexan precisan en Organismos externos, nomeadamente á Xunta Consultiva da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que se pronuncie a respecto da discusión existente sobre a normativa a aplicar na concesión da licenza.
2. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a explorar todas as vías posibles para evitar a construción de calquera edificación na rúa do Tinteiro número 2 e preservar ese espazo, tal e como figura no proxecto de PXOM actualmente en trámite, como espazo libre e zona verde.