O BNG agarda a actuación inmediata da xustiza ante as últimas informacións nas que Jácome admite o branqueo de diñeiro negro para evitar a “posíbel destrución de probas”

Rhut Reza e Luís Seara durante a rolda de prensa

O candidato Luís Seara anuncia que “ampliaremos a denuncia interposta o pasado sábado de ser preciso, aínda que entendemos que á vista dos acontecementos e dos audios coñecidos, non será necesario pois a Xustiza actuará de oficio

É unha magoa que nestes momentos, nos que os Grupos políticos tiñamos que estar falando de proxecto para Ourense, teñamos que asistir a este bochornoso espectáculo de caciques e corruptos”

O BNG agarda a actuación inmediata da xustiza ante as últimas informacións nas que Jácome admite o branqueo de diñeiro negro para evitar a “posíbel destrución de probas”

Ourense, 08 de maio de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense compareceu esta mañá na sede dos nacionalistas en Ourense para esixir, unha vez máis, a dimisión do actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome logo das últimas informacións e audios nos que se escoita nítidamente ao alcalde asumir o branqueamento de diñeiro negro a través de donacións de terceiros.

O actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara afirma que “o sábado pasado escoitabamos ao alcalde pedirlle a traballadores do Concello que cometeran un presunto delito para evadir a súa responsabilidade cunha multa. Hoxe sabemos que utiliza ás empresas que contratan co Concello, e imaxino que outras, para que lle dean diñeiro negro para a campaña”.

Para Seara, “estas dúas cuestións son da suficiente entidade como para que Jácome tivera que dimitir inmediatamente. Resulta profundamente doloroso que este persoa sexa alcalde, porque o PP colocouno como alcalde e negouse despois a sacalo da poltrona. Ese é, sen dúbida, o gran favor que o Partido Popular lle fixo a Ourense durante este mandato. Pór de alcalde a alguén, que á vista dos feitos, está a ser letal”.

O candidato do BNG ten claro que a situación de Ourense é de emerxencia social, “a un alcalde faltón que insulta a todos, intolerante, tirano, que pide mordidas ás empresas, sumámoslle un Presidente da Deputación que dirixe a institución como se da súa finca particular se tratara, un Presidente que ten que comparecer diante dunha xuíza pola comisión dun delito contra a seguridade vial”.

Pedímoslle á xustiza que á vista do aparecido no xornal La Región, actúe de modo urxente, para evitar a posíbel destrución de probas, mais unha cousa é a xustiza e outra ben distinta a política, e este é o momento da política”.

Para Luís Seara queda evidenciado que “estes feitos poñen de manifesto a necesidade de rexenerar a política en Ourense. De pasar páxina a corenta anos de clientelismo e tamén a catro anos de dexeneración política e institucional no Concello”, e engade, “agora mesmo, o prioritario é isto. Pór fin a este período negro da nosa historia na Deputación e no Concello e abrir unha fiestra de esperanza e de futuro. O día 28 xogámonos moitísimo, temos que escoller entre rexeneración, decencia, dignidade ou corrupción e clientelismo”.

Desde o BNG insisten en que PP e Jácome son “as dúas caras dunha mesma moeda, Jácome tivo os mellores mestes nos Baltares, primeiro pai e logo fillo, todos nos ríamos cando Baltar pai daba diñeiro nun mitin en Morgade e por tanto apostar por un deles significa apostar polo outro, non o esquezamos”.

O actual Portavoz municipal e candidato á alcaldía reflexiona finalmente sobre todo o que está acontecendo. “É unha magoa que nestes momentos, nos que os Grupos políticos tiñamos que estar falando de proxecto para Ourense, teñamos que asistir a este bochornoso espectáculo de caciques e corruptos”.

Ampliación da denuncia interposta o pasado sábado no Xulgado de Garda

Preguntado polos xornalistas se está previsto voltar ao Xulgado ou ampliar a denuncia xa presentada, Seara afirmou que “esa pregunta é o mellor exemplo da situación anómala que vivimos en Ourense. A vostedes parécelle que á vista dos feitos, o BNG ten que ir á Fiscalía para dicirlle que actúe?”. “Ampliaremos a denuncia interposta o pasado sábado de ser preciso, aínda que entendemos que á vista dos acontecementos e dos audios coñecidos, non será necesario pois a Xustiza actuará de oficio”.

Cómpre lembrar que o pasado sábado foi precisamente o BNG o primeiro en acudir ao Xulgado de Garda para interpoñer uha denuncia relativa á información na que o actual rexedor presionaba a dous empregados municipais para que algún deles asumira a sanción imposta ao coche adscrito á alcaldía o sábado, 3 de setembro, nunha rúa de Vigo e cuxo importe acabou ascendendo a 1.200 euros.

Momento da rolda de prensa


 

O BNG agarda a actuación inmediata da xustiza ante as últimas informacións nas que Jácome admite o branqueo de diñeiro negro para evitar a “posíbel destrución de probas”