O BNG presenta unha denuncia no Xulgado de Garda ante as informacións xurdidas en torno ao alcalde Jácome ao entender que “estamos diante de feitos que poden ser constitutivos de delito"
Na formación nacionalista refírense aos audios nos que Jácome tenta que sexa algún empregado público quen asuma a condución do vehículo oficial adscrito á alcaldía e multado o pasado setembro polo Concello de Vigo por exceso de velocidade
Ourense, 06 de maio de 2023. As explicacións dadas polo actual rexedor do Concello de Ourense Gonzalo Pérez Jácome en canto se soubo que o vehículo municipal adscrito á alcaldía e que conduce habitualmente el, fora multado nunha rúa de Vigo circulando a máis velocidade da permitida nunca convenceron ao Grupo municipal do BNG.
No día de hoxe, e a través dunha serie de audios nos que o propio Jácome “presiona” a dous funcionarios para que algún deles asuma a sanción e polo tanto se identifique como o condutor do coche aquel sábado pola noite, corroboraron, para o BNG, ditas sospeitas. O Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, estivo acompañado esta mañá no Xulgado de Garda pola deputada Noa Presas e polo deputado Iago Tabarés.
Seara ten claro que “os audios revelan uns feitos presuntamente delictivos, motivo polo cal vimos de presentar unha denuncia no Xulgado de Garda”, e engade, “son feitos que creo coñecía toda a sociedade de Ourense a respecto de que naquela noite de autos o coche oficial do Concello era conducido por Gonzalo Pérez Jácome”.
Segundo Seara, esta información revela dúas cousas moi importantes para o BNG. “a primeira delas que o alcalde de Ourense mentiu de forma reiterada e deliberada en numerosas ocasións aos requerimento dos Grupos da oposición que representamos ao conxunto da veciñanza polo que a pregunta que nos facemos é cantas veces máis nos terá mentido este alcalde?”.
“A segunda revela unha cuestión que o BNG ven denunciando desde que DO apareceu na vida política, que Baltar e Jácome son as dúas caras da mesma moeda e que DO é a marca branca do PP”.
Para o BNG esta situación amosa que tanto Baltar como Jácome “teñen o mesmo xeito de concibir á política e as institucións como se foran o seu cortello particular”. Ante a gravidade dos feitos, o candidato nacionalista Luís Seara pediulle ao alcalde que se lle queda un mínimo de decencia, presente a súa dimisión tendo claro que é algo que non vai facer polo que apela á veciñanza para que o 28 de maio “poña fin a esta situación de indecencia e indignidade. O 28 de maio temos que tomar unha decisión moi importante, escoller entre os que representamos a decencia política ou os que representan a indignidade e empregan as institucións para o seu único e exclusivo medre persoal”.
Posíbeis delitos
A preguntas dos xornalistas presentes, o deputado Iago Tabarés especificou cales serían os delitos presuntamente cometidos polo actual rexedor do Concello de Ourense. Segundo Tabarés, “a priori poderiamos estar diante dun presunto delito de falsidade documental”.
Tabarés tamén fixo referencia ao recentemente modificado delito de malversación ao entender que “non me sorprende que o PP queira volver modificalo xa que agora e logo da reforma do artigo 432 bis, a utilización privativa de bens públicos é delito, polo tanto José Manuel Baltar debería estar preocupado e non sei se tanto pero desde logo tamén Gonzalo Pérez Jácome”.
Iago Tabarés ten claro que en todo caso “non se pode permitir xa non penalmente senón ética e administrativamente estar empregando bens públicos e vehículos oficiais para intereses privados, algo que agora, e logo da reforma, está tipificado como delito”.