O BNG AGRADECE A CONFIANZA DAS OURENSÁS E COMPROMETE UN TRABALLO INTENSO E RIGOROSO A PROL DESTA PARTE DO PAÍS

rolda de prensa valoración galegas Ourense. Secundino Fernández, Sonia Vidal, Noa Presas, Iago Tabarés
rolda de prensa valoración galegas Ourense. Secundino Fernández, Sonia Vidal, Noa Presas, Iago Tabarés

As e os deputados elixidos o 18F compareceron para valorar un resultado histórico para o nacionalismo galego, que os consolida como segunda forza e alternativa ao Partido Popular.

O BNG AGRADECE A CONFIANZA DAS OURENSÁS E COMPROMETE UN TRABALLO INTENSO E RIGOROSO A PROL DESTA PARTE DO PAÍS

Noa Presas, deputada e membro da Executiva Nacional, acompañada de Iago Tabarés, Sonia Vidal e Secundino Fernández, elixidos como deputados pola circunscrición de Ourense compareceron ante os medios para valorar uns resultados históricos para o nacionalismo galego en Galiza e en Ourense.

Noa Presas expresou o “recoñecemento e orgullo polo intenso traballo militante e das e dos candidatos” que puxeron en marcha unha campaña en positivo “de ideas e de propostas, unha campaña desde a verdade e os datos, tamén desde a ilusión e o orgullo de ser de Ourense e de ser Galegos, que xerou un enorme entusiasmo e na quefomos a única organización política que presentou un plan para Ourense.”

A nacionalista expresou “o noso agradecemento ás 43.758 persoas que en Ourense elixiron a papeleta do BNG, un incremento do 5.45%, de máis de 12.600 persoas respecto dos anteriores comicios autonómicos. Supón un aumento de apoio, a diferenza das outras dúas forzas políticas que estaban no arco parlamentario” ademais, engadiu “como veciña da cidade de Ourense, gustaríame referirme tamén aos resultados locais: Incrementamos votos e subimos tamén en porcentaxe, e malia a entrada en competición do partido da alcaldía, consolidamos a posición de segunda forza, por riba desta forza e acurtando a distancia co Partido Popular”.

Para a nacionalista isto revalida que “a sociedade ourensá valorou positivamente o traballo por Ourense feito polo BNG no Parlamento e polo Grupo municipal no concello”

Un BNG sen teito e cambio de ciclo en Galiza e Ourense

Presas recordou que “aumentamos e consolidamos a posición de alternativa ao Partido Popular e un de cada tres galegos escolleron a nosa papeleta, isto amosa que a capacidade de medre do BNG non tocou teito e que conseguimos mobilizar a moitas persoas desafectas coa política.

A todas esas persoas, non lles imos fallar. O BNG vai ser a forza que defenda cada día a Galiza mellor que unha maioría desexa para o noso país. Ademais, o peor resultado do PP é na provincia en que ten a deputación con maioría absoluta e iso é outro síntoma de que estamos ante un cambio de ciclo no que o BNG é a alternativa” afirmou a deputada.

Ademais sinalou que “Agradecidas pola confianza, imos cumprir no noso papel de líderes da oposición e alternativa ao Partido Popular e as e os ourensáns poden confiar en que imos estar á altura neste cambio de ciclo, cun traballo intenso desde as institucións e man a man coa sociedade. Estaremos á altura da confianza e do que Ourense precisa.”

 

O BNG AGRADECE A CONFIANZA DAS OURENSÁS E COMPROMETE UN TRABALLO INTENSO E RIGOROSO A PROL DESTA PARTE DO PAÍS