O BNG presenta na Deputación Provincial unha moción para a defensa dos sectores agrogandeiros da provincia de Ourense
Os deputados provinciais do BNG, Bernardo Varela e Xosé Manuel Puga, deron conta esta mañá do contido da moción que ven de presentar a organización nacionalista na Deputación Provincial, para o debate no pleno do vindeiro 23 de febreiro.
Os deputados nacionalistas manifestaron o apoio do BNG ás lexítimas demandas do sector agrario Ourensán, xa que a aplicación das políticas agrarias durante os últimos 40 anos supuxeron para a nosa provincia o abandono de explotacións gandeiras e agrarias e consecuente a desaparición de boa parte do nosos sectores produtivos, baixada dos prezos das producións agrarias e obriga aos nosos produtores, en moitos casos, de venta “a perdas” dos seus produtos e unha “burocratización abusiva e excesiva” sobre as explotacións agrarias.
Defenderán no Pleno da institución Provincial a alternativa que o BNG propón no caso de que o vindeiro 18 de febreiro a cidadanía galega decida, cos seus votos, darlle a confianza e polo tanto a presidencia da Xunta de Galicia a Ana Pontón.
Unha moción para a defensa dos sectores agrogandeiros da provincia de Ourense, e na que se propón tomar os seguintes acordos:
1.- Tal e como se acordou no pleno de outubro de 2022, reclamar da Xunta de Galiza que a través da Consellería do Medio Rural faga público con carácter inmediato o “Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia” xa rematado en Novembro do ano 2021, e que se implementen con carácter inmediato os fondos necesarios para escomenzar a executar as súas determinacións.
2.- Esixir do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a modificación da Lei da Cadea Alimentar de 2021, de xeito que os prezos pagados ao sector produtor nunca podan estar por baixo dos custes de produción, máis o marxe de beneficio para a explotación agraria.
3.- Esixir da Consellería do Medio Rural a recuperación da fórmula de Contratos Homologados para fixar prezos dignos ao sector produtor, a través das distintas Mesas de Negociación entre sector produtor e empresas elaboradoras, coa mediación da Xunta de Galiza.
4.- Esixir da Consellería do Medio Rural a reforma e adaptación do actual PEPAC ás necesidades do agro galego, con apoio especial as nosas pequenas e medianas explotacións, favorecendo a transformación agraria e os circuítos curtos de comercialización.
5.- Esixir da Consellería do Medio Rural o desenvolvemento e recuperación dos obxectivos do Banco de Terras para a posta en produción de SAU (co obxectivo das 30.000 ha na nosa provincia) para poñelas a disposición das explotación vitícolas, agrarias e gandeiras de agricultores e non da especulación de fondos de investimento foráneos.
6.- Esixir da Consellería do Medio Rural o apoio decidido á agricultura ecolóxica, comezando por abonar as axudas pendentes a produtores e produtoras de ecolóxico.